COMERCIO

Entregadas as bandas aos gañadores da edición de verán do Concurso de Escaparatismo

20/07/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou as bandas de escaparatismo aos tres premiados na edición de verán do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping: a tenda de doces Pecados de Compostela, Óptica Pontecastro e Sistemas de Seguridade A-1. O obxectivo do certame, dirixido a todos os comercios da cidade, é contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

En primeiro lugar, Xosé Manuel Iglesias entregou as bandas de escaparatismo ao primeiro comercio clasificado, Pecados de Compostela, situado no Cantón do Toural, 5. A continuación dirixiuse a Óptica Pontecastro, segunda clasificada, localizada na praza do Doutor Puente Castro, 6. Por último, o concelleiro entregou a banda ao estabelecemento premiado en terceiro lugar, Sistemas de Seguridade A-1, situado na rúa da República Arxentina, 29.

O xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valorou especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión primou tanto o escaparate como o interior do comercio. Entre os participantes predominaban as tendas de alimentación, téxtil e confección, e artesanía. A lista de inscritos tamén incluía estabelecementos de comercio xusto, decoración, óptica, seguridade, artes escénicas, tecnoloxía da información e a comunicación, xoiarías e perfumarías.

O concurso consta de catro edicións. primavera, verán, outono e Nadal. Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para os primeiros clasificados en cada unha das edicións, de 2.306 euros para os segundos, e de 1.682 euros para os terceiros clasificados. Contabilizando as catro edicións, no VI Concurso de Escaparatismo está previsto repartir 36.581 euros en premios.

Compartir: