ALCALDÍA

O novo aparcadoiro do Hospital Clínico abre ao público con 402 prazas de estacionamento

18/07/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou o novo aparcadoiro da Choupana, con motivo da súa posta en funcionamento. Este estacionamento, que dará servizo aos usuarios do Hospital Clínico, abre ao público con 402 prazas.

A aparcadoiro do Hospital Clínico distribúe a súas 402 prazas en dúas plantas e ofrece cinco núcleos de accesos peonís, un deles con ascensor que comunica as dúas plantas co exterior. As prazas, vieiros e zona de tránsito peonil teñen unha dimensión superior á requerida legalmente, co fin de facilitar a comodidade dos condutores.

A instalación paliará os habituais problemas de aparcadoiro para os usuarios do Hospital Clínico. Trátase dun complexo -situado no ámbito do polígono 2 do SUP-5 da Choupana- que contará con elementos para facilitar o uso das instalacións por persoas con problemas de mobilidade e que contou cun orzamento de execución de 3.168.314 euros.

A superficie de actuación foi de 6.350 metros cadrados e a superficie urbanizada, de 5.080 metros cadrados. A súa construción acompañouse doutras melloras, como o acondicionamento da cuberta como zona verde, a instalación dunha zona de usos deportivos e a construción dun novo vieiro e unha rotonda.

Este novo estacionamento ofrece de balde diversos servizos aos seus usuarios, como préstamo de cadeiras de rodas ou de paraugas, arrancador de vehículos, fío musical ou videovixilancia.

Compartir: