PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica ofrece asesoramento ás persoas e empresas que soliciten axudas de Compostela Activa

17/07/2009 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo ofrece asesoramento personalizado ás empresas e persoas que se presenten ás dúas convocatorias do programa Compostela Activa 2009: Axudas para a creación de novas empresas e Concurso de novas ideas empresariais. Faino a través do SAE, o Servizo de Apoio á Empresa, un servizo integral e gratuíto de apoio ás persoas emprendedoras, á empresa e ao comercio de Compostela, que no que vai de 2009 leva atendidas máis de 100 consultas.

O prazo de presentación de solicitudes para as dúas convocatorias remata o 31 de xullo, tal e como figura nas bases, que se poden consultar na web da Concellaría: www.maiscompostela.org. O programa Compostela Activa ten como obxectivo axudar á axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial en Santiago. En 2009 conta cun orzamento de 170.000 euros, dos que 44.948 son aportados pola Deputación da Coruña. Desta cantidade, 104.000 euros destínanse ao concurso e a axudas para novas empresas, e o resto repártese entre formación e a Xornada Emprende en Compostela.

Concurso de novas ideas empresariais
O Concurso de novas ideas empresariais ten como obxectivo apoiar ás persoas que teñen unha idea de negocio, facilitando a posta en marcha do seu proxecto empresarial. O SAE axúdaas na elaboración do Plan de Empresa e oriéntaas sobre as categorías do Concurso de novas ideas empresariais ás que se poden presentar: Novas ideas empresariais categoría xeral, Novas ideas empresariais promovidas por mulleres, Novas ideas empresariais promovidas pola xuventude, novas ideas empresariais categoría autoemprego, Novas ideas empresarias comercio-turismo e Novas ideas empresariais industria-servizos avanzados para empresas.

Os gañadores en cada unha das modalidades recibirán 4.000 euros como axuda para desenvolver o proxecto empresarial. Neste proceso tamén reciben información sobre novos nichos de negocio, e sobre todos os aspectos xurídicos e económicos relacionados coa constitución dunha empresa.

Axudas para a creación de novas empresas
Axudas para a creación de novas empresas ten como obxectivo axudar economicamente aos novos proxectos empresariais a consolidarse. Poden optar a estes incentivos as persoas físicas ou xurídicas que iniciaran a súa actividade entre o 1 de outubro de 2008 e o 31 de xullo de 2009, teñan a súa sede social, fiscal e de actividade no Concello de Santiago, e a súa actividade empresarial sexa viable económica, financeira e tecnicamente.

Cada proxecto empresarial pode percibir como máximo 3.000 euros. A axuda poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables, é dicir, os considerados como correntes e de primeiro estabelecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo de 2009. En 2008 beneficiáronse destes incentivos 22 empresas. Ás persoas que opten a estas subvencións, o SAE axúdaos na elaboración do plan de empresa e na tramitación do resto de documentación que teñen que presentar.

As persoas interesadas poden contactar co Servizo de Apoio á Empresa a través do correo electrónico sae@santiagodecompostela.gal e/ou pedir cita nos teléfonos 981 542 493 e/ou 981 568 752. O horario de atención é de 9:00 a 14:00 horas.

Compartir: