FESTAS

As Festas do Apóstolo comezan co pregón do humorista galego Rober Bodegas

16/07/2009 As Festas do Apóstolo comezan o venres 17 coa lectura do pregón, que correrá a cargo do humorista galego Rober Bodegas. É coñecido pola súa participación no programa de TVE El Rey de la Comedia, e actualmente colabora no magacine de La Sexta Sé lo que hicisteis...

Despois do esperado pregón de Bodegas chegará o turno da música, que este ano soará con ritmos do sur da man de Nuria Fergó. O concerto será no Obradoiro e a entrada é gratuíta.

Pola tarde, as actividades comezan na Alameda coa Ferradura Aberta e o Campionato de Chave masculino e feminino. Ademais, os ritmos latinos non faltarán nese primeiro día de festas coa inauguración de Espirito Latino nunha carpa situada na Alameda, que contará con música e bailes, capoeira, disc-jockeys e os grupos Brasukas (Brasil) e D’ La Habana (Cuba).

De todos os estilos
O cartel de 2009 aglutina actividades e concertos de todos os estilos e que cada vez contan con máis participación cidadá de todas as idades e gustos. "Trátase dunha celebración pensada para os veciños, visitantes e turistas que fan de Santiago unha cidade universal", sinalou o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro.

Haberá máis dunha ducia de grandes espectáculos e concertos que se celebrarán no Obradoiro, na Quintana e no Toural (9 concertos programados). Ademais, as actividades tradicionais terán un lugar destacado, ao igual que a mostra do folclore galego, as orquestras, actuacións para nenos na Alameda e diferentes actividades polas rúas da cidade. A gran novidade deste ano é a Conmemoración do Centenario da Exposición Rexional Galega de 1909, que inaugurou en Compostela o rei Alfonso XIII o 25 de xullo de 1909. Durante toda a tarde do día 25 realizarase unha reprodución dos usos e costumes da época e do propio desfile da exposición.

Á venda as entradas para os concertos
Os interesados xa poden mercar as entradas para os concertos non gratuítos. Pódense adquirir a través das webs de www.caixagalicia.es (Lousiana Gospel Choir, Ojos de Brujo, Diego El Cigala, Sara Baras e Macaco). Ademais, a partir do luns 20 e ata o martes 28 poderanse mercar na taquilla do Teatro Principal en horario de 17:00 a 21:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: