EDUCACIÓN

Continúan as actividades da Escola Municipal de Verán de Inglés

16/07/2009 Ata o 31 de xullo continúa aberta a Escola de Verán de Inglés no IES Rosalía de Castro. Dentro das diversas actividades que se realizan no marco deste programa, un grupo de alumnos realizou unha visita ao Concello.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, saudou a estes rapaces, que da man da técnica do Departamento Beatriz Varela puideron coñecer as principais estancias do Pazo de Raxoi. Incluso tiveron a ocasión de compartir uns minutos cos xornalistas no Salón Verde antes da rolda de prensa do alcalde.

A Escola de Verán de Inglés permite aproveitar o tempo de lecer do mes de xullo para incrementar o dominio do inglés e á vez fomentar novas relacións socializadoras. As clases, impartidas por profesorado titulado, preferentemente nativo, combínanse con obradoiros impartidos en inglés, actividades e saídas, como esta ao Concello.

Ademais, hai obradoiros de elaboración dun libro, de cancións, teen life, magazine, role plays, pintura ou cociña elemental. Realízanse saídas ao mercado, aos museos ou a diversos servizos do Concello. Todo isto complementado con outras actividades ao aire libre e deportivas, como xogos tradicionais ingleses ou a busca do tesouro.

Compartir: