ALCALDÍA

O alcalde non dará por boas "solucións que impliquen un enorme paso atrás" sobre as liñas de baixo custo

16/07/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse na súa rolda de prensa semanal ás informacións sobre o reparto de fondos que a Xunta prevé realizar para a promoción das liñas de baixo custo nos aeroportos galegos. Así, manifestou que "non poderemos dar por boas solucións que impliquen un enorme paso atrás".

Sánchez Bugallo indicou que "calquera acordo con Santiago terá que tomar como punto de partida o de 2005, 2006, 2007 e 2008 e non deberá supor unha minoración do acordado entón". Neste sentido, e en alusión ás informacións aparecidas, o alcalde recordou que "a Xunta propón minorar un 30% o que aporta a Santiago e, o que quede, repartilo entre os tres aeroportos". Isto suporía un "inxusto retroceso", engadiu.

Insistiu que Xunta e Concello "deberán esforzarse en avanzar e non en retroceder". Neste sentido, resaltou o perigoso que este tipo de decisións poder resultar para Galicia á hora de competir co aeroporto de Porto, que aspira a ser o principal punto de entrada de viaxeiros na Comunidade Autónoma en 2010. En palabras de Sánchez Bugallo, se iso sucedera, sería "un problema serio para Galicia".

O alcalde lembrou que a aposta polas compañías de baixo custo no aeroporto compostelán "é un éxito que non é só de Santiago", senón tamén de Galicia, e puxo como exemplo a repercusión na cidade de Lugo. En particular, referiuse á repercusión que estas liñas tiveron para a chegada de turismo estranxeiro. Así, recalcou o "enorme esforzo" que Santiago ten realizado para a captación de visitantes e para dotar á cidade dunha planta hoteleira ampla e de calidade. Compostela conta con preto de 80 hoteis e con 5 dos 8 hoteis de cinco estrelas existentes en Galicia.

Manifestación de gandeiros
Sánchez Bugallo referiuse tamén ás manifestacións de gandeiros acontecidas na cidade. Reiterou o seu "respaldo" ás reivindicacións, pero lamentou e criticou os incumprimentos producidos o martes 14 polos manifestantes e a súa incidencia na cidade. "Non empezaron ás dez da mañá, senón máis alá das doce e remataron ás once e media da noite, e ningunha cidade pode quedar bloqueada durante 12 horas". Tamén lamentou os incidentes producidos o mércores 15, pero "non estaban autorizados a saír cos tractores".

"Os gandeiros tiveron a comprensión e solidariedade do conxunto da cidadanía, e non deberían abusar do seu dereito de manifestación e ser respectuosos con esa poboación", engadiu o rexedor municipal. Non obstante, expresou o seu desexo de que "o acordo frutifique e se logre a estabilidade para que o sector poida continuar o seu proceso de transformación".

Cambio da Lei do Solo
Outro tema do que falou o alcalde foi a recente xuntanza da executiva da FEGAMP, da que é membro, co presidente da Xunta a propósito da Lei do Solo e das Normas do Hábitat. O Goberno autonómico comprometeuse a modificalas, co que se producirá o cuarto cambio en seis anos da primeira das normas, lembrou.

Sánchez Bugallo reclamou que "calquera que sexan os cambios, se faga un esforzo de consenso, para garantir a estabilidade cara o futuro". Ademais, pediu que "se simplifiquen as cousas".

Compartir: