EDUCACIÓN

Unha mostra invita aos máis novos a coñecer a Chaplin dende distintos puntos de vista

16/07/2009 A igrexa da Universidade acolle ata o 30 de agosto a exposición Chaplin en imaxes, que ofrece unha visión global da obra do xenial artista dende varios puntos de vista. Ao redor desta mostra realizaranse varios talleres didácticos para nenos promovidos pola Concellería de Educación en colaboración coa Universidade de Santiago e a Fundación "la Caixa".

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou esta exposición, que recolle máis de douscentos documentos, principalmente fotografías, material documental e fragmentos de películas, algúns deles inéditos. Do artista destacou o seu compromiso político e social. "Tivo unha presenza artística moi potente durante moitos anos, e ninguén da nosa xeración pode disociar a palabra cine de Charlot", dixo.

A creación de Charlot, o Chaplin cineasta, A coreografía de Charlot, Charlot e a vangarda, Da fama ao exilio ou Chaplin fala, Charlot morre, son os títulos dalgúns dos diferentes puntos de vista sobre o artista recollidos na exposición. O seu obxectivo é resaltar a universalidade do personaxe de Charlot e a importancia do cine no desenvolvemento da sensibilidade contemporánea e no imaxinario colectivo.

A proposta didáctica que acompaña a Chaplin en imaxes está dirixida tanto aos nenos e nenas da cidade como aos que a visitan nestas datas de verán. Así, malia que a mostra está aberta de balde ao público en xeral, están previstas visitas didácticas, nas que se realizarán diversos talleres.

Para os rapaces de primaria, de 6 a 12 anos, preparáronse tres talleres. O primeiro deles denomínase Chaplin vístese de Charlot e baséase a na observación da indumentaria da personaxe, achegándonos ao carácter do personaxe e ás súas orixes. Outro dos talleres titúlase A linguaxe do corpo. A linguaxe do silencio e incide na arte do Chaplin actor no campo da pantomima, a expresión e a danza. Os nenos tamén poderán participar no obradoiro Imaxinar o que o público espera e facer todo o contrario..., no que se destapará a capacidade máis imaxinativa do creador inglés para conseguir dar un xiro á lóxica da vida.

Os rapaces de secundaria, de 13 a 16 anos, tomarán parte nun taller sobre a linguaxe do corpo, e noutras dúas propostas. Unha delas titúlase A evolución do personaxe. A evolución das súas películas e descobre a evolución da filmografía do Chaplin director. No obradoiro Un fenómeno de masas que tamén atrae á vangarda os asistentes percibirán a repercusión social do personaxe e, ao mesmo tempo ,a admiración que demostran algúns artistas de vangarda pola súa obra.

Entrada de balde e visitas organizadas
Para o público en xeral, os horarios de visita da exposición son de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas de martes a sábados e de 11:00 a 14:00 horas os domingos. Os luns estará pechada a mostra, situada na Igrexa da Universidade. A entrada é de balde.

As visitas concertadas, organizadas pola Concellería de Educación, realizaranse para grupos en xeral os sábados ás 12:30 horas, previa cita no teléfono 981 554 400 ou no correo electrónico: dptoeducacion@santiagodecompostela.gal. Para outras reservas de grupo (colectivos de tempo libre, escolas de verán, campamentos urbanos...), con visitas a realizar de martes a venres, tamén se pode solicitar cita previa pola mesma vía.

Ademais do alcalde, participaron na inauguración da mostra, entre outros, a concelleira de Educación, Mercedes Rosón; a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o secretario xeral da Fundación "la Caixa", Lluís Reverter; ou o responsable deste proxecto educativo, Xavier Erra.

Compartir: