NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Trinta rapaces combinarán a expresión en galego co coñecemento dunha granxa na segunda entrega de "AnimaLingua"

15/07/2009 A Granxa Escola da Fervenza do Toxa, en Silleda, acollerá do 17 ao 26 de agosto a edición 2009 de AnimaLingua, actividade organizada pola Concellería de Normalización Lingüística. Ata 30 nenos e nenas de entre 8 e 11 anos poderán participar neste campamento de verán, co obxectivo de que se expresen en galego ao tempo que coñecen o funcionamento dunha granxa ou se inician nas tarefas propias dunha hora ou dun invernadoiro. As inscricións realizaranse do 15 ao 24 de xullo no Rexistro Xeral do Concello.

A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, presentou este programa, repleto de actividades de granxa, horta e invernadoiros, forno, talleres, excursións, actividades de transformación e moitos xogos. Todas as actividades traballaranse cun contido lingüístico e de reflexión, coa finalidade de remover atrancos e de superar prexuízos respecto ao idioma galego.

Os rapaces coñecerán todos os animais que viven na Granxa Escola da Fervenza do Toxa: coellos, ovellas, cabras, becerros, burros, porcos, galiñas… Aprenderán a coidalos, as súas características e a súa achega á vida das persoas. Tamén coñecerán as especies que se cultivan na horta, os apeiros de labranza e os coidados que precisan os cultivos, así coma os procesos de compostaxe, fertilización, enfermidades e pragas. Todo isto complementarase con obradoiros de artesanía e creación artística e de transformación de alimentos.

As inscricións neste campamento realizaranse do 15 ao 24 de xullo no Rexistro Xeral do Concello (Galeras). Para iso haberá que entregar a ficha de inscrición e aboar a taxa de participación, 70 euros, no número de conta de Banesto 0030 6045 13 0870087271. Na asignación das 30 prazas dispoñibles terán preferencia os empadroados en Santiago. De superar a demanda o número de prazas, realizarase un sorteo.

Máis información no correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 542 409.

Compartir: