TURISMO

"Santiago(é)Tapas" remata con máis de 27.000 tapas consumidas

14/07/2009 A segunda edición do Concurso de Tapas de Santiago, Santiago(é)Tapas, organizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, rematou con máis de 27.000 tapas consumidas nos 50 estabelecementos participantes. Ademais, repartíronse máis de 8.000 Tapasportes para poder seguir as cinco rutas do concurso. Entre os usuarios do Tapasporte hai persoas de toda Galicia, das diferentes partes do Estado e de quince países: Canadá, Colombia, Chequia, Estados Unidos, Finlandia, Grecia, Irlanda, Italia, México, Portugal, Reino Unido, Suíza, Uruguai, Venezuela e Xapón.

Na primeira edición, o concurso tivo 45 estabelecementos participantes, consumíronse preto de 20.000 tapas e repartíranse 6.000 Tapasportes. Este ano creouse o Tapasporte Colectivo, pensado para que as empresas puidesen "facer equipo" desfrutando das tapas de Santiago. En total, foron trece empresas as que participaron nesta innovadora iniciativa. Ademais, abriuse unha páxina de Santiago(é)Tapas no Facebook, que sumou máis de 1.600 "fans" do concurso.

O crecemento tanto nos datos de participación hostaleira como do público local e turístico cumpre os obxectivos marcados para a segunda edición de Santiago(é)Tapas. Por unha banda, consolida o concurso como un atractivo turístico da cidade, dinamizador do fluxo hostaleiro na primeira quincena do mes de xullo. Por outra, o concurso continúa consolidando a Santiago como un destino gastronómico, onde poder disfrutar dunha ampla oferta de calidade baseada na produción agroalimientaria galega.

Gala Santiago(é)Tapas
Nesta segunda edición de Santiago(é)Tapas presentáronse a concurso 109 tapas, que optan a diferentes premios: premios do xurado á Mellor Tapa –a gañadora absoluta-, Tapa Tradicional –inspirada na tradición gastronómica galega-, a Tapa Creativa –a máis innovadora- Estrella Galicia 09 –a tapa que mellor maride coa cervexa- e Galicia Calidade 09 á tapa que mellor empregue produtos galegos de calidade; e os premios do público á Mellor Tapa e o premio (é)xcelente 09, ao estabelecemento que preste o mellor servizo.

Os veredictos do xurado e do público coñeceranse o mércores 15 a partires das 19:00 horas nunha Gala de entrega de premios que terá lugar no Mercado de Abastos. O xurado de especialistas está composto por cociñeiros, hostaleiros, xornalistas, bloggers gastronómicos e expertos en calidade alimentaria, que entre o 25 de xuño e o 12 de xullo foron de incógnito polos estabelecementos para valorar as súas propostas. Na gala tamén se coñecerá a empresa gañadora do premio ao Tapasporte colectivo, que terá como recompensa unha estadía no Pazo de Lestrove de Pousadas de Compostela.

Santiago(é)Tapas, iniciativa de Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela, conta co patrocinio privado de Estrella Galicia, o patrocinio institucional de Galicia Calidade e a colaboración especial da Praza de Abastos, o Grupo El Correo Gallego e Comercial Daviña.

Compartir: