XUNTA DE GOBERNO

Cambio de sentido nas rúas Vilagarcía, García Prieto e Sánchez Freire

14/07/2009 A Xunta de Goberno aprobou a modificación do sentido da circulacións das rúas Vilagarcía, García Prieto en Sánchez Freire, actualmente en proceso de reurbanización no marco dos Fondos de Investimento Local. Tamén se adxudicou provisionalmente o servizo de elaboración o levantamento topográfico da Praza de Galicia e do seu aparcadoiro soterrado.

A modificación do sentido destas tres rúas débese á saturación de tráfico do vieiro de Romero Donallo polo incremento de veciños nas novas urbanizacións das zonas de Conxo, Pontepereda, Volta do Castro e A Rocha. Así, a confluencia nun único cruce das incorporacións das rúas Vilagarcía, Frei Rosendo Salvado, Ferrol e Sánchez Freire produce un colapso en horas punta.

Este problema pretende solucionarse modificando o sentido da circulación na avenida de Vilagarcía –no tramo dende Romero Donallo a García Prieto-, e nas rúas García Prieto e Sánchez Freire. A partir de agora terán sentido de circulación de saída da cidade, ou sexa, dende Romero Donallo cara a rotonda de Conxo.

Esta modificación faise tamén de acordo aos parámetros do proceso de urbanización destas rúas, no que xa se contemplaba esta posibilidade. De feito, nesta mesma Xunta de Goberno deuse o visto bo ao proxecto modificado, que non varía as condicións económicas nin de unidade de obra.

Praza de Galicia
Por outra parte, adxudicouse provisionalmente o servizo de elaboración do levantamento topográfico da xeometría actual da Praza de Galicia e do aparcadoiro soterrado, así coma o informe pericial da capacidade portante da estrutura do aparcadoiro. O importe da adxudicación ascende a 29.997 euros máis IVE.

Este estudo servirá para determinar as características topográficas da zona, co fin de determinar que tipo de estruturas pode soportar. Trátase dun paso máis cara a redacción do proxecto que conducirá finalmente á remodelación da praza de Galicia.

Cidade Histórica
O Goberno local tamén deu o visto bo ás bases reguladoras das axudas do Consorcio de Santiago para o mantemento da envolvente exterior e elementos comúns interiores dos edificios da cidade histórica. Igualmente, ratificouse a convocatoria das axudas reguladas por estas bases, fixando un prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da súa publicación no BOP, para presentación de solicitudes. O crédito achegado polo Consorcio á convocatoria é de 200.000 euros.

Esta mesma Concellaría propuxo a contratación dos traballos de actuación de sondaxes previas e control arqueolóxico das obras de urbanización da zona das Hortas. Adxudicáronse por 20.184 euros.

Subministro de vehículos
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a adxudicación provisional do subministro de varios vehículos e do seu mantemento, mediante arrendamento (renting). para o Concello de Santiago. Por este sistema adquírese un Citröen C5 (25.600 euros), tres Citröen C3 (39.315 euros) e catro Citröen Nemo Zombi (60.000 euros).

Benestar Social
En materia de Benestar Social, aprobouse a sinatura de tres convenios de colaboración con entidades sociais para o ano 2009. Trátase da Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental (2.200 euros), da Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril-Alcer Coruña (2.200 euros) e a Asociación Española contra o Cancro-AECC Coruña (2.200 euros).

Mercados
A Xunta de Goberno aprobou igualmente a modificación do texto do convenio entre o Concello, o Ministerio de Vivenda e a consellería de Economía e Industria para a remodelación da Praza de Abastos. O cambio tradúcese nunha nova distribución de anualidades nos períodos 2009, 2010, 2011 e 2012.

Cómpre recordar que esta actuación supón un orzamento de 5.061.288 euros, dos que 2.530.644 son achegados polo Ministerio de Vivenda, 1.136.285 pola Consellería de Economía e Industria e 1.394.358 polo Concello.

Participación Cidadá
A proposta da concelleira de Participación Cidadá, aprobáronse as características, prazos e normas das bases das subvencións ás asociacións veciñais para 2009. Destínase unha cantidade máxima de 100.000 euros para as devanditas axudas.

Servizos
Finalmente, autorizouse a montaxe do Circo Acquatico no aparcamento do Estadio de San Lázaro dende o 23 ao 29 de xullo. Este circo está baseado no mundo do mar e dos animais mariños. Os espectáculos xiran en torno a unha plataforma que se enche de auga.

Documentos relacionados



Compartir: