ALCALDÍA

O alcalde expresa a súa gratitude aos traballadores da edición local de "La Voz de Galicia" no seu 50 aniversario

13/07/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a Corporación municipal, recibiron no Salón Nobre de Raxoi aos integrantes da delegación de Santiago de La Voz de Galicia, cando se cumpren 50 anos da súa apertura. Encabezou a comitiva do xornal o presidente do seu Consello de Administración, Santiago Rey Fernández-Latorre.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo lembrou a traxectoria da delegación de La Voz en Santiago, cun repaso ás súas diferentes etapas e cun recordo ás súas firmas ilustres. Eles e todos os profesionais do xornal, foron, en palabras do alcalde, testemuños da evolución da cidade. Por iso e polo seu traballo, expresoulles a súa "gratitude" e a da Corporación.

Pola súa parte, Santiago Rey Fernández-Latorre recordou tamén as orixes do xornal e o seu compromiso cos valores galeguistas e de loita contra os localismos. O presidente do Consello de Administración de La Voz de Galicia asinou no Libro de Honra da Cidade. Logo, o alcalde entregoulle un pergameo coa declaración institucional aprobada polo Pleno o 25 de xuño en recoñecemento a este 50 aniversario, e tamén unha escultura de Eugenio Granell.

Compartir: