EDUCACIÓN

Cita para os rapaces na Alameda nunha nova edición de Ferradura Aberta

13/07/2009 Ferradura Aberta 2009 congregará un ano máis aos composteláns máis novos nun espazo lúdico pensando especialmente para eles nestas datas de verán. O paseo da Ferradura da Alameda acollerá do 15 ao 29 de xullo un amplo programa de lecer composto por diversos obradoiros e espazos deportivos.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou o programa desta edición de Ferradura Aberta, iniciativa na que tamén colaboran os departamentos de Deportes, Igualdade, Benestar Social, Normalización Lingüística, Participación Cidadá, Xuventude e Limpeza. En palabras do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, no tríptico informativo, con este programa "o Concello quere dar resposta ás novas necesidades de lecer nunha cidade educadora na que a educación é o medio a través do que a cultura se reproduce, se transmite, se desenvolve e evoluciona".

Ferradura Aberta 2009 inaugurarase o mércores 15 de xullo, de 16:45 a 19:15 horas, nunha xornada na que a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto. Logo, ás 19:15 horas, novo concerto didáctico, desta vez da man do trío acústico Amecer, cun repertorio composto por músicas do mundo.

Será o punto de partida para xornadas cheas de obradoiros: cestería, construción de xogos e xoguetes, medio ambiente, encadernación, papiroflexia e tren turístico, entre outros. Destacan nesta edición o taller do club canino "Só lles falta falar", para ensinarlles aos nenos e nenas a perderlle o medo aos cans, aprendendo a reaccionar axeitadamente diante da presenza de calquera can. Tamén novidosa será a xincana da lingua, co obxectivo de chegar a unha aprendizaxe máis dinámica e á asimilación dos valores de tolerancia e respecto cara as linguas e culturas do mundo, parándonos no máis próximo, a lingua galega.

Deporte e espazo para os máis pequenos
Para os máis deportivos, haberá un espazo para perfeccionar habilidades e técnicas en diversas disciplinas: xadrez e xogos de mesa, garabato de xogo, esgrima, tenis de mesa, deporte Wii, pista de skate e xincana ciclista.

Os máis pequenos, de 2 a 5 anos, tamén contarán cun espazo lúdico específico para eles. E para que os pais e nais e acompañantes dos nenos poidan conversar, informarse ou simplemente descansar, tamén haberá un espazo para eles.

Ferradura Aberta está dirixido a rapaces de 2 a 5 e de 6 a 14 anos. Desenvolverase do 15 ao 29 de xullo, de luns a venres, de 18:00 a 21:00 horas. A participación é de balde. Durante o desenvolvemento do programa permanecerá aberto un servizo de información e recepción no paseo da Ferradura. Tamén se pode solicitar máis información nos teléfonos do Concello 981 554 400 ou 981 528 730.

Compartir: