URBANISMO

María Carneiro será a nova xerente de Emuvissa

10/07/2009 A candidata seleccionada xestionou unha sociedade análoga no Concello de Lugo e foi xerente de Urbanismo no Concello de Ferrol. A elección realizouse mediante concurso público e a convocatoria contou con seis aspirantes, cuxos méritos foron valorados pola comisión de selección encargada deste cometido e na que estiveron representados os tres grupos políticos.

María Carneiro é licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid coas especialidades de "Ecoloxía e Poboación" e "Socioloxía Industrial". Obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura en xuño de 1979 e o Premio Nacional Fin de Carreira en 1980. Un ano máis tarde, en 1981, realizou o curso de Técnico urbanista no Centro de Estudos Urbanos do Institudo de Estudos de Administración Local en Madrid. Ata 1990 desempeñou postos docentes na Universidade Complutense de Madrid e participou na elaboración de varios documentos urbanísticos, entre eles os Plans xerais de ordenación municipal dos concellos de Ferrol, Oleiros, Lugo e Santiago de Compostela.

Entre 1990 e 2003 foi a xerente de Urbanismo do Concello de Ferrol e posteriormente xestionou a sociedade homóloga de Emuvissa no Concello de Lugo, Evislusa. Conta no seu haber con múltiples publicacións en materia urbanística. O seu currículum e a súa experiencia acredítana como perfil idóneo para xestionar a entidade compostelá.

María Carneiro farase cargo a partir de agosto da xerencia de Emuvisa, entidade creada no 2000 para xestionar con maior eficacia e axiliade o urbanismo da cidade. Substitúe no posto a José Manuel Rey Pichel, quen abandonou o cargo hai dous meses para poñerse á fronte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Compartir: