ALCALDÍA

O alcalde reúnese cos veciños para explicarlles os proxectos do Urbana Norte

10/07/2009 O alcalde reuniuse en Raxoi con representantes das asociacións de veciños da zona incluída no ámbito do programa Urbana Santiago Norte, proxecto europeo cofinanciado polo FEDER. Á reunión asistiron, tamén a concelleira de Relacións Veciñais, Lupe Rodríguez Silva e máis o Coordinador do Proxecto, Fernando Martínez. O obxecto do encontro era facilitar aos representantes veciñais, información de primeira man sobre os avances na execución do programa Urbana Santiago Norte, así como sobre as previsións de actuacións para o exercicio 2009.

A reunión comezou cunha intervención do alcalde que sintetizou o estado actual do proxecto, informando aos representantes dos veciños sobre a próxima apertura da oficina URBANA, desde a que van desenvolver os traballos de coordinación e seguimento das diferentes actuacións. Dita oficina atópase situada no barrio da Almáciga concretamente nun edificio anexo á Escola Municipal de Música e espérase que se poida abrir ao público ao longo das próximas semanas, unha vez se complete o equipamento da mesma. Nesta oficina estará ubicado o persoal de coordinación, composto polo coordinador xeral do proxecto, unha economista e unha coordinadora de actividades.

O alcalde tamén lles transmitiu aos veciños unha perspectiva global do proxecto, informándoos sobre a evolución das diferentes xestións feitas ata o momento e sobre os pasos a dar, comezando coa próxima aprobación do oprzamento reaxustado.

Para terminar, o alcalde, xunto co coordinador xeral do programa fixeron un percorrido polas diferentes áreas temáticas e medidas que se contemplan no mesmo, parándose máis detalladamente naquelas que se van iniciar ao longo do ano 2009. Dentro delas destácanse o encargo do proxecto para a construción e equipamento dunha escola infantil en Salgueiriños, a redacción dos proxectos para a construción dos futuros centros sociais do Romaño e da Almáciga, así como a posta en marcha de programas de dinamización e inclusión social por parte da Concellería de Servizos Sociais ou do programa "obras e emprego" por parte da Concellería de Promoción Económica.

Os representantes veciñais demandaron a rápida posta en marcha da Comisión de Participación Cidadá que está contemplada dentro do Programa Urbana e que será o medio a través do cal se canalizará a participación dos diferentes axentes económicos e sociais no proxecto.

Compartir: