MEDIO AMBIENTE

O barrio de Vidán conta xa cunha nova área recreativa e de lecer

09/07/2009 Esta tarde o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a nova área recreativa situada barrio de Vidán, acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos. As obras foron impulsadas por esta concellería e financiadas no marco dos fondos FIL. A nova área conta cunha superficie total de 1.355 metros cadrados e está situada no entorno da igrexa parroquial.

A principal novidade desta nova área de lecer é o parque infantil de 137 metros cadrados e pavimento de caucho, fechado por un balado e con varios xogos para os máis cativos. Ademais acondicionouse e pintouse o campo de baloncesto xa existente, equipandoo con unhas novas canastras.

No final da área pavimentouse con formigón unha superficie de 74 metros cadrados que funcionará como "palco" de música. Para acceder a esta zona contruíuse un novo vial con unhas novas beirrarruas que conectan a zona entrada da área con o campo da festa.

Ademais procedeuse a axardinar todo o conxunto sendo o custe total das obras de case 100.000 euros, IVA incluído. No deseño de toda a actuación pretendíuse integrar o ámbito de actuación coa urbanización existente, usando os mesmos materiais e con uns criterios estéticos similares e harmónicos.

Os barrios e parroquias de Santiago necesitan os equipamentos e infraestruturas necesarias para aumentar a calidade de vida da súa veciñanza. A concellaría do Medio Ambiente ten como firme obxectivo implementar políticas e accións de goberno que contribuan a ampliar o benestar en Santiago, sempre desde unha perspectiva de desenvolvemento sustentábel. Este novo recinto de xogo e lecer atende ao sentir e aos desexos da veciñanza do barrio dos Vidán.

Compartir: