CULTURA

Biblioteca Compostela traduce ao galego 'O Museo da Inocencia', do premio Nobel turco Orhan Pamuk

08/07/2009 Na mañá de hoxe, na Casa do Concello, presentouse ante os medios de comunicación a tradución ao galego de O Museo da Inocencia, do escritor turco Orhan Pamuk, incluído na colección Biblioteca Compostela de Narrativa Europea da Editorial Galaxia. Na rolda de prensa estiveron presentes a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; e o editor da Biblioteca Compostela, Carlos Lema.

O acto foi presidido pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, que lembrou que a Biblioteca Compostela de Narrativa Europea xorde "da estreita colaboración da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais coa editorial Galaxia" e ten como obxectivo a tradución ao galego de grandes títulos da narrativa europea coa finalidade de "situar o galego como lingua de cultura a nivel continental e mundial e permitir aos lectores do noso país, acceder a estes títulos en pé de igualdade" cos afeccionados á lectura de todo o planeta.

A Biblioteca Compostela da editorial Galaxia leva publicados xa 15 libros, sendo O Museo da Inocencia a cuarta tradución do escritor turco Orhan Pamuk, co que hai un compromiso para a publicación de toda a súa obra en galego. A nova novela do Premio Nobel turco está a espertar grande expectación no ámbito internacional pois trátase da primeira que publica dende que lle concederon o devandito premio no ano 2006.

A novela de Pamuk, traducida ao galego por Bartug Aykan e María Alonso Seisdedos, sae no noso idioma antes ca en ningunha lingua europea, agás o alemán. É unha das novelas actuais máis interesantes e ambiciosas, relatando, nas súas máis de 700 páxinas, a historia dunha paixón amorosa que se desenvolve en Istambul, en 1975, e os derradeiros anos do século XX. Pamuk conta a historia de Kemal, fillo dunha das familias máis ricas da cidade e a do seu obsesivo amor secreto por unha rapaza da clase traballadora.

A experiencia amorosa como posesión
Segundo explicou na rolda de presentación o editor da colección, Carlos Lema, na novela o escritor turco realiza unha crítica, non exenta de tenrura, da experiencia amorosa como posesión, unha reivindicación da forza das mulleres para acabar coa idea da muller como obxecto. A impresionante recreación do Istambul da década de 1970, dende os barrios burgueses ao mundo do cinema, das villas de veraneo á beira do Bósforo aos barrios populares e á sociedade na que perviven modos de vida aínda non completamente occidentalizados, fai desta novela un ámbito no que se representa simbolicamente o enfrontamento entre o primeiro e o terceiro mundo nun só país, Turquía, nun momento histórico de apoxeo no tocante ás contradicións sociais.

Orhan Pamuk é un dos máis destacados autores de literatura actual en lingua turca. A súa obra foi traducida a máis de 30 idiomas e publicada nun cento de países. Ten recibido numerosos galardóns a nivel internacional entre os que destaca a concesión do Premio Nóbel da Academia Sueca en 2006. Dentro da Editorial Compostela publicóuselle en galego O castelo branco, My name is Red e Istambul, e ao longo deste ano publicarase Neve.

Compartir: