CONSORCIO

O Consorcio destinará 210.000 a melloras no Pazo de Raxoi

07/07/2009 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu hoxe a Comisión Executiva do ente interadministrativo. Durante o transcurso da reunión, fixouse o próximo 24 de xullo como data para a reunión do Consello de Administración do Consorcio, no que se aprobarán as contas do organismo relativas ao pasado ano 2008. Tamén no Consello de Administración se tratará a posta en marcha dun plano de infraestruturas para a Cidade Histórica.

Ademais, aprobaronse dúas actuacións relacionadas coas políticas de recuperación urbana da cidade. Por unha parte, aprobouse un orzamento de 210.325 euros destinados a traballos de reformas en salóns do Pazo de Raxoi, que afectan principalmente a traballos en teitos e carpintarías. Pola outra, destináronse 100.000 euros para realizar as obras de revestimento da fachada exterior da facultade de Filosofía, na praza de Mazarelos, o que permitirá recuperar os revocos que contemplaba a concepción orixinal do edificio histórico.

Subvencións de rehabilitación
Na Comisión Executiva tamén se aprobaron un total de 24 axudas para a rehabilitación de elementos singulares de madeira, cuxa subvención total ascende a 67.437 euros.

Compartir: