PROMOCIÓN ECONÓMICA

As axudas do Leader para desenvolvemento rural contemplan subvencións que poden acadar a contía total do proxecto presentado

07/07/2009 Os proxectos de desenvolvemento rural que se presenten á Convocatoria de axudas do Programa Leader Galicia 2007-2013 poderán percibir subvencións da Unión Europea de ata o 100% do seu financiamento. Esta convocatoria será presentada hoxe, ás 20,30 horas, por Terras de Comostela no CEIP Rodríguez Xixirei de Lavacolla, situado no Lugar da Esquipa, A Sabugueira, número 22. Ao acto asisitirá o Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias. O obxectivo das axudas é contribuir a incrementar a produtividade e competitividade dos sectores agrario e forestal, mellorando así o desenvolvemento e a calidade de vida do rural.

O GDR-24 Terras de Compostela, asociación da que forma parte o Concello de Santiago, realizou unha proposta de actividades a Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) para poder recibir o paquete de axudas do Programa Leader. En principio, optan a unha cantidade de entre catro e cinco millóns de euros. Unha vez aprobada esta proposta, ábrese o prazo de presentación de solicitudes que pechará o 1 de setembro de 2013.

Destas axudas pódese beneficiar calquera persoa física ou xurídica que promova un proxecto no ámbito de actuación dun Grupo de Desenvolvemento Rural. O GDR determinará a cuantía da subvención que reciban os proxectos e programas que se presenten, en función dun baremo público e obxectivo. Establecense dúas distincións:
1.Proxectos de natureza produtiva: os que se destinan a producir bens ou prestar servizos orientados ao mercado: non poden superar nunca o 45% da axuda pública (ata un máximo de 200.000 ou 250.000 euros segundo o tipo de proxecto).
2.Proxectos de natureza non produtiva: os destinados á prestación de servizos públicos gratuítos, a dotacións ou a mellorar a calidade de vida no rural. Poden chegar a acadar o 100% do financiamento.

A proposta de actividades presentada por Terras de Compostela contempla catro pilares destinatarios das axudas, con varias liñas de actuacion cada un deles:
1.Sector agrario e forestal. Contempla catro liñas estratéxicas de actuación: investimentos no sector agrario, aumento do valor económico dos montes, aumento do valor engadido dos produtos agrarios e forestais, e cooperación para desenvolver novos produtos, procesos e tecnoloxías.
2.Contorno natural. Abrangue tres liñas de actuación para investimentos non produtivos en explotacións agrarias, espazos forestais, e para adecuación, recuperación e revalorización do patrimonio natural no contorno natural.
3.Economía. Son cinco liñas de actuación relacionadas coa diversificación cara actividades non agrarias, creación de microempresas, fomento de actividades turísticas, implantación de servizos básicos para a economía e a poboación rural, e conservación e mellora do patrimonio.
4.Territorio: abrangue varias liñas de actuación relacionadas coa promoción e difusión do proxecto de estratexia de desenvolvemento comarcal elaborado por Terras de Compostela.

O GDR-24 Terras de Compostela naceu en 2008 como entidade sen ánimo de lucro en prol do desenvolvemento económico e social da súa zona de actuación: Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra, Vedra, A Baña, Negreira e Santa Comba. Actúa como colaborador de AGADER, na tramitación de axudas e como dinamizadora e aserora dos promotores do territorio.

Compartir: