ALCALDÍA

A Xunta e o Concello de Santiago descartan asistir á Exposición Universal de Shanghai en 2010

07/07/2009 O custe estimado dos pavillóns, do deseño e produción expositiva na sede e da loxística e montaxe operativo ascende a 3,5 millóns de euros, unha cantidade que se considera excesiva nun contexto de crise económica e de control de gasto público polo que a Administración autonómica e local decidiron descartar, de forma consensuada e conxunta, a asistencia ao evento.

A presenza de Santiago de Compostela estará garantida en Shanghai como exemplo de boas prácticas urbanísticas no pavillón do Goberno español, no que se investirán 18 millóns de euros. As Administracións autonómica e local entenden que é a representación axeitada nun ano no que a prioridade da actuación pública consistirá na promoción e celebración do Xacobeo 2010, o feito diferencial galego máis característico e internacional. A inminente posta en marcha do Plan de Promoción do Xacobeo incidirá nos mercados turísticos tradicionais: España, Europa e América, de cara a lograr con esta acción estratéxica os obxectivos económicos pretendidos a partir dunha oferta turística de calidade.

Tanto a nivel galego como a nivel local en Santiago de Compostela, a Xunta e o Concello consideran o Xacobeo 2010 como unha oportunidade única que hai que rentabilizar e na que se debe volcar o esforzo orzamentario.

Compartir: