XUNTA DE GOBERNO

Máis de 50.000 euros para as actividades das escolas deportivas da cidade

07/07/2009 A Xunta de Goberno Local deu o visto bo ó orzamento e ás bases da convocatoria polas que se rexirán as axudas destinadas a favorecer o desevolvemento e as actividades das escolas deportivas para o ano 2009. Tamén se deu conta de subvencións da Deputación da Coruña por algo máis de 185.000 euros e adxudicáronse as obras para a posta en valor e acondicionamento de varios lavadoiros do municipio.

As escolas deportivas da cidade contarán cunha axuda por parte do Concello de 53.000 euros, axuda que leva 16 anos en funcionamento e que serve para financiar en parte os gastos que supoñen a organización e o desenvolvemento destas escolas que se organizan no entorno dos centros educativos e baixo o control dos clubes de base da cidade. Así mesmo, nesta Xunta de Goberno Local deuse conta de varias axudas da Deputación da Coruña para actividades dos departamentos de Educación, Xuventude, Cultura, Deportes, Promoción Económica e Servizos Sociais por un montante global de 186.345 euros.

Rehabilitación de lavadoiros
Os lavadoiros da Sionlla e de Garabal e os seus entornos serán obxecto de rehabilitación e posta en valor por parte do Concello. Así o decidiu a Xunta de Goberno que aprobou os proxectos redactados polo departamento de Parques e Xardíns e adxudicounos á empresa Construcciones Aldemunde, por un importe de 14.986,42 e 23.007,34 euros respectivamente. Ambas obras están subvencionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Cidade Histórica e Urbanismo
A proposta da Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación aprobouse a contratación de sendas empresas de arquitectura para a realización dos proxectos de execución e estudo de seguridade e saúde da rúa Espírito Santo e das calzadas de San Pedro e de Santo Antonio. O primeiro deles será realizado polo estudo Escaleno Arquitectura por importe de 15.748,52 euros máis IVE e o segundo por Carbajo y Barrios Arquitectos Asociados por 17.088 euros máis IVE.

No ámbito urbanístico, aprobouse inicialmente o estudo de detalle para a construción dun centro de supercomputación de Galicia no SUND-40 do Parque empresarial da Sionlla segundo o proxecto presentado pola Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia e conceudese a licenza de obras á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple para a construción dun edificio destinado a centro de día e rehabilitación no SUNP-2 de Salgueiriños, en concreto na rúa Queixume.

Por urxencia, deuse luz verde ao prego de cláusulas administrativas e ao inicio do expediente para a contratación das obras de adecuación exterior da parcela onde se está a construír o edificio destinado a Escola Infantil no Polígono do Tambre por procedemento negociado sen publicidade, que se financiará con cargo ao convenio das galescolas, establecéndose un tipo de licitación de 70.689,74 euros máis IVE.

Compartir: