MERCADOS

Música, animación e 150 postos medievais para dinamizar a Cidade Histórica durante catro días

02/07/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Mercados, Andrés Fariña, visitaron a II Feira Medieval na súa primeira xornada. O mercado estará aberto ato o 5 de xullo nas prazas e rúas da Cidade Histórica. Son 150 postos e diversas actividades que recrearán o ambiente da Idade Media e dinamizarán esta parte da cidade durante catro días.

Os postos da II Feira Medieval están situados nas seguintes rúas e prazas: praza da Quintana, praza da Inmaculada, Vía Sacra, rúa da Acibechería, praza de Cervantes, cantón de San Bieito, praza da Pescadería Vella, rúa das Casas Reais, praza de Salvador de Parga, rúa Travesa, rúa da Algalia de Arriba, rúa San Miguel dos Agros, praza de San Miguel dos Agros, Fonte de San Miguel, praza de San Martiño, rúa de Abril Ares e rúa da Troia. Malia non ter postos, tamén estarán adornados con motivos medievais espazos anexos, como a praza do Toural.

Nesta edición de 2009 non falta un espazo infantil para os máis pequenos na praza de San Martiño, con seis actividades específicas para eles. Tanto pequenos coma maiores poden contemplar os diversos postos artesáns de coiro, madeira, herbas medicinais, ourivaría ou incensarios, pero tamén asistir a exhibicións de cetrería ou talleres de oficios.

Personaxes da época
Outro aspecto importante da Feira é a animación polas rúas, con diferentes personaxes recreando os estilos de vida da Idade Media. Mitos, romances e lendas, aventuras de dragóns e seres fantásticos, representantes da corte e xograres, cabaleiros, escudeiros ou pícaros non faltarán nesta cita.

Compartir: