CULTURA

O Festival dos Abrazos encherá o mes de agosto con preto de 150 actividades

02/07/2009 A praza do Toural acolleu a presentación da segunda edición do Festival dos Abrazos, unha mostra de creación contemporánea local e internacional coa que a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais ofrece unha nova ollada sobre espazos singulares de Santiago de Compostela. A edición de 2009 segue o lema Crea(c)ción en Aberto e ofrecerá preto de 150 actividades por toda a cidade.

Grazas a este Festival dos Abrazos, "Compostela vaise converter durante o mes de agosto nun escenario para a creación", en palabras da concelleira de Cultura, Socorro García Conde. Haberá ducias de anovadoras propostas culturais e artísticas que dinamizarán a cidade, apostando pola cultura como eixo de desenvolvemento.

Segundo sinalou a edil, co certame promóvense novos diálogos entre a creación artística, o público e o patrimonio cultural e ambiental, proxectándose unha imaxe de Compostela e de Galicia como escenario de creación e de imaxinación que repercuta a nivel cultural, turístico e económico. A programación prevista para este 2009 converte o festival nun referente internacional da innovación cultural para se situar na vangarda europea dos grandes festivais do verán.

O 2009 é o Ano Europeo da Creatividade e da Innovación. Co lema Crea(c)ción en Aberto, a segunda edición do Festival une o espírito da creación innovadora á aspiración de ser un certame aberto tanto á cidadanía como aos axentes sociais e culturais da cidade, promovendo Compostela como unha cidade creativa, aberta e dinámica.

O Festival dos Abrazos presenta unha proposta multidisciplinar, na que teñen cabida todas as artes: a música, o circo, o clown, o teatro, as artes plásticas, o cinema, a experimentación. Serán 31 días de concertos, representacións, exposicións, proxeccións, obradoiros, conferencias e espectáculos dirixidos tanto ao público local como aos visitantes da cidade. O programa comeza o sábado 1 de agosto cun concerto especial na praza da Quintana da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Antoni Ros Marbà.

Novas propostas
Preto de 150 actividades encherán o mes de agosto cunha estrutura programática semanal. O luns será o día da arte experimental, o martes collerán o relevo os (neo)trovadores, o piano será o protagonista os mércores, e os xoves a música de raíz revisitará os recantos de Compostela. As fins de semana será a quenda da arte dixital, obradoiros, e aproximacións anovadoras ao patrimonio da Igrexa.

Ademais, cada semana haberá un abrazo entre as culturas do mundo, representado en proxectos de sona internacional como o Stockholm Lisboa Project, o Kora Jazz Trío, Oreka TX ou a Orquestra Chekara. Outra proposta de calado internacional vai ser a visita da Orquestra Sinfónica e máis o coro de San Petersburgo, os días 18 e 19 de agosto.

O directo-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, foi o encargado de presentar unha nova sección do Festival nomeada Abrazos off, creada como un escaparate para novos creadores de Compostela e Galicia. Para participar nela os artistas interesados deberán presentar as súas propostas antes do 20 de xullo no enderezo off@festivaldosabrazos.org ou por correo postal ao Auditorio de Galicia, indicando as características técnicas e artísticas do proxecto. Aquelas que máis se aproximen á filosofía do certame ou presente un maior cariz innovador, serán escollidas e desenvolvidas ao longo do Festival. As bases do certame pódense consultar na web do Festival: www.festivaldosabrazos.org.

Por último, Socorro García Conde lembrou o éxito que supuxo a primeira edición do Festival, no que se sucederon 31 días de creación cultural en 31 espazos diferentes da cidade, con 73 propostas culturais diversas e un total de 126 actividades que congregaron a 60.000 asistentes.

A programación de 2008 incluíu propostas de renome a nivel local (Emilio Cao, Talabarte, Xosé Nine, Alí Irmao, Mago Gonzalo, Hyde Casino...) e internacionais (a Xove Orquestra Árabe Xudía -Palestina/Israel-, os Derviches do Cairo, Barbatuques do Brasil, Aki Takase de Xapón, Pangeia Instrumentos de Portugal e Angola, e un logo etcétera.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: