EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Verán de Inglés axuda a máis de 200 rapaces a mellorar o seu dominio deste idioma

02/07/2009 Botou a andar a Escola de verán de Inglés (English Summer School) no IES Rosalía de Castro, onde estará aberta ata o 31 de xullo. No segundo día de actividade e xa organizados os grupos, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo unha visita á Escola. Máis de 200 rapaces e rapazas participan nesta edición.

Sánchez Bugallo estivo acompañado nesta visita pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón. O alcalde agradeceu ao instituto Rosalía de Castro a posta a disposición das instalacións, e aos pais "por confiarnos aos seus nenos".

Recordou que esta Escola de Verán de Inglés ten como obxectivos que "os nenos e nenas non se descolguen tanto tempo do ciclo educativo e axudarlles a resolver un problema en xullo a moitos pais que traballan". Non obstante, indicou, a meta fundamental é "cubrir un oco, unha asignatura aínda pendente, como a práctica de falar noutros idiomas". Nesta Escola, dixo, "pídeselles que falen e moito en inglés".

Esta nova edición da Escola de Verán de Inglés permite aproveitar o tempo de lecer do mes de xullo para incrementar o dominio do inglés e á vez fomentar novas relacións socializadoras. As clases, impartidas por profesorado titulado, preferentemente nativo, combínanse con obradoiros impartidos en inglés, actividades e saídas.

Ademais, hai obradoiros de elaboración dun libro, de cancións, teen life, magazine, role plays, pintura ou cociña elemental. Realízanse saídas ao mercado, aos museos ou a diversos servizos do Concello. Todo isto complementado con outras actividades ao aire libre e deportivas, como xogos tradicionais ingleses ou a busca do tesouro.

Clases, obradoiros, saídas e xogos
En horario de 9:00 a 14:00 horas, as actividades desenvólvense en tres bloques. A primeira hora da mañá, clase de inglés a modo de reforzo de todo o impartido durante o curso escolar, mentres que logo chega a vez dos obradoiros, adaptados aos distintos niveis. A terceira parte da mañá dedícase a saídas, xogos, manualidades ou contacontos.

Cada alumno conta, entre outros materiais, cunha mochila e cunha carpeta na que pode gardar toda a información facilitada ao longo do curso. Tamén dispoñen dunha guía didáctica e dun manual para pais e nais. Ao final do curso recibirán o seu diploma acreditativo.

Compartir: