BENESTAR SOCIAL

Primeira reunión das persoas inscritas no Banco Municipal do Tempo

01/07/2009 Celebrouse na Casa das Asociacións, en Cornes, o primeiro encontro das persoas inscritas no Banco Municipal do Tempo. A concelleira de Benestar Social en funcións, Guadalupe Rodríguez, recibiu a estes inscritos, que participaron nunha serie de actividades lúdicas para coñecerse mellor entre eles.

Esta primeira reunión dos inscritos no Banco Municipal do Tempo serviu para que os mesmos se coñeceran entre eles, así coma os servizos que presta cada un. Nestes intres, no Banco ofrécense e demándase diversos servizos relacionados co coidado do corpo e da saúde (estética, masaxes, ximnasia, perruquería...), coas tarefas domésticas (clases de cociña, reparacións domésticas, axuda para as tarefas da casa...), coa informática e a tecnoloxía (clases de informática ou internet, paso de traballos a ordenador...), coa formación e os idiomas (clases de idiomas ou de lingua de signos, mecanografía, axuda con tarefas escolares...), coas actividades de compañía (acompañamento de persoas maiores, transporte dos nenos ao colexio, facer a compra, recados en xeral..), con labores de coidado (de persoas con discapaciadade ou nenos), con actividades de lecer (artesanía, sendeirismo, clases de teatro ou baile...) ou coa axuda para a realización de xestións administrativas. Toda a información está dispoñible na páxina web municipal: www.santiagodecompostela.gal/bancodotempo.

O Banco Municipal do Tempo é un instrumento para impulsar a vida comunitaria. Está encamiñado a resolver as necesidades da vida cotiá e mellorar a calidade de vida da sociedade. O seu funcionamento é sinxelo. As persoas interesadas inscríbense ofertando uns servizos e/ou coñecementos, indicando o tempo de que dispoñen e demandando outros que necesiten. A cantidade de tempo prestado e recibido debe manterse nun certo equilibrio, non permitíndose saldos negativos por debaixo do valor que cada banco estableza.

As persoas responsables do Banco do Tempo Municipal, neste caso dende a Concellería de Benestar, poñerán en contacto ás persoas inscritas e levarán un rexistro de todos os intercambios realizados. Tamén se organizarán actividades para a dinamización do banco, como esta primeira reunión.

Para poder participar, en primeiro lugar, realizarase unha entrevista á persoa interesada, na cal se lle explicarán as normas de funcionamento, dereitos, e deberes, dinámica dos intercambios, e afondarase tanto nas necesidades como nas potencialidades que a persoa manifeste. Os interesados só teñen que chamar por teléfono (981 542 465 Ext: 42483) contactar vía correo electrónico (bancodotempo@santiagodecompostela.gal) ou acudir a oficina do Banco do Tempo situada na Concellaría de Benestar Social e Muller (Isaac Díaz Pardo 2-4 - Zona Galeras). Tamén se pode cubrir o formulario dispoñible na páxina web do Banco: www.santiagodecompostela.gal/bancodotempo,

Compartir: