XUVENTUDE

Xuventude ofrece clases musicais aos grupos dos locais municipais de ensaio

01/07/2009 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou nos Locais Municipais de Música para a Xuventude de Compostela (Estadio de San Lázaro, 10) a nova proposta formativa para as agrupacións musicais da cidade. Trátase da segunda edición de accións formativas, consistentes nun "coaching musical", no que os grupos participantes reciben o asesoramento especializado de diferentes profesionais do mundo da música.

No acto estiveron presentes o músico e formador uruguaio Carlos Arévalo; os grupos participantes na primeira edición formativa: Dirty Socks, Sinestesia, The Codename e Black Widow; e os da segunda, Soño Eterno, Sadness, Roberto Sobrado e Meiga do Norte, que comezará a impartirse proximamente.

Esta oferta formativa, denominada "coaching musical", desenvolverase nos propios locais de ensaio. As materias sobre as que se incidirá son varias, como a posta a punto de cada instrumento, a interpretación corporal, os arranxos nas cancións ou composición. Trátase, en definitiva, de que cada grupo cree o seu estilo propio.

O formador, Carlos Arévalo, compartirá sesións de dúas horas semanais cos grupos, repartidas ao longo de dous meses. Despois de detectar os puntos fortes e febles do grupo dende o punto de vista musical, realizaranse os cambios precisos para potenciar o grupo. Practicaranse estes cambios, para logo pasar a outros aspectos anexos, como a interpretación, o aspecto físico, a actitude no escenario ou a comunicación co público.

Os coñecementos adquiridos faranse perceptibles a través de ensaios xerais co formador, nos que se realizará a selección de repertorios para os concertos e se traballará na seguridade e na transmisión ao público dende o escenario. Tras unha actuación que examinará o profesor do programa, o grupo estará preparado para tocar en directo.

Na primeira edición destas accións formativas participaron os grupos Dirty Socks, Sinestesia, Codename e Black Widow. Nesta segunda tomarán o relevo Soño Eterno, Sadness, Roberto Sobrado e Meiga do Norte.

Documentos relacionados



Compartir: