EDUCACIÓN

A Escola de Verán ensina aos máis pequenos a coñecer mellor os cans

29/06/2009 O Club de Cans de Familia Só lles falta falar impartiu no CEIP Fontiñas o seu primeiro taller para ensinarlles aos nenos a perderlle o medo ao cans e a coñecelos mellor. O martes 30 celebrarase unha sesión semellante no Pío XII, tamén en horario de 11:30 a 13:30 horas.

O Club de Cans de Familia levou ao CEIP Fontiñas cans de diversas especies, aos que os rapaces puideron acariñar, peitear e mesmo ordenar determinados exercicios. Os coidadores dividiron aos rapaces entre os que lles tiñan medo aos cans e os que non, se ben a maioría amosáronse encantados cos cans dende o primeiro momento.

Chamoulles a atención, especialmente, unha exemplar de dogo de Burdeos, acompañada dos seus cinco cachorros. Estes cans, dunha raza tradicionalmente considerada como perigosa, son, segundo a especialista en conduta animal María Sabell, o mellor exemplo de como o proceso de socialización do can fai que o can sexa perigoso ou non.

Outro exemplo de socialización é Alma, unha pastor de Brie, que pasou de ser unha cadela chea de medo a un animal moi agarimoso e afable. Os rapaces puideron peiteala e mesmo facerlle chichos. Xunto a eles, outros exemplares de pastor alemán ou de cruces, como Pachín ou Linda, que demostraron as súas habilidades buscando obxectos polo olor ou facendo exercicios.

Todos estes cans pasaron uns lúdico momento cos rapaces, que aprenderon, por un lado, a non terlles medo, e polo outro, a darse conta que non son un xoguete. Eses son os obxectivos dos protocolos do Club de Cans, entidade que tamén emprega os cans como soporte terapéutico profesional con colectivos como as persoas con síndrome de Down.

Só lles falta falar
O Club de Cans de Familia Só lles falta falar está promovido polos departamentos de Educación e de Xuventude do Concello, co asesoramento do Centro de Conduta Animal e a coordinación do equipo de psicólogos da Asociación Down Compostela.

No taller participaron cans de familia que seguiron un estrito protocolo de socialización, educación e adestramento. Grazas á sesións, os nenos e nenas aprenden a reaccionar axeitadamente diante da presenza de calquera can, a través da aprendizaxe da conduta natural dos cánidos: o coñecemento e a interacción eliminan o medo.

O Concello promove dende fai tempo as actividades de terapia asistida con animais fóra das institucións onde normalmente se desenvolven para achegar os seus beneficios ao público en xeral.

Compartir: