ALCALDÍA

O alcalde valora o impulso aos grandes retos da cidade en infraestruturas

26/06/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, analizou en rolda de prensa o estado actual dos que denominou como "os cinco grandes retos en infraestruturas" da cidade: a terminal de Lavacolla, o AVE, as autovías, a EDAR e a rede de colectores e a Cidade da Cultura.

Sánchez Bugallo valorou o impulso dado polo Ministerio de Fomento ás principais infraestruturas da cidade, como a terminal de Lavacolla ou a entrada do AVE en Santiago. Respecto ao aeroporto, recordou a visita do titular de Fomento, José Blanco, para dar comezo a unhas obras que suporán un investimento de 157 millóns de euros, para deixar finalmente no verán de 2011 unha terminal que será "un motor económico de Santiago e de Galicia", indicou. A esta actuación haberá que engadir outras como a ampliación da pista, a nova cabeceira ou a terminal de mercadorías.

Destacou o alcalde a situación da nova terminal "nunha posición central que deixa aberta a posibilidade dunha segunda pista". Nesta "vocación de futuro" inscríbese tamén o feito de que AENA teña adquirido máis de 500.000 metros cadrados adicionais aos 4 millóns que xa tiña.

En relación a este tema, referiuse tamén ás melloras previstas nos outros dous aeroportos galegos. "Non nos opoñemos ao que poidan facer os demais, pero o noso obxectivo é garantir que o noso medre o necesario", subliñou.

AVE
Sobre a entrada do AVE en Santiago, Sánchez Bugallo anunciou que para este mesmo día estaba previsto que ADIF adxudicara a obra a unha empresa do ámbito de Santiago. O remate da obra mesmo podería adiantarse a 2011, apuntou. Inicialmente, este tramo de 3 quilómetros terá un custo de 47,8 millóns de euros, se ben coa electrificación e os equipamentos, este tramo terá un custo final duns 100 millóns de euros.

En relación a esta obra, o alcalde afirmou que "non dámos por pechado o tema, e seguiremos buscando solucións técnicas en prol do menor impacto ambiental e visual posible". Non obstante, apreciou o "avance importante" producido coa decisión de construír o falso túnel entre Lamas de Abade e O Combarro". E respecto aos propietarios afectados, "buscaremos un acordo xusto, sensato e equilibrado, pero se hai que derribar algunha casa, farase", engadiu. Considerou que na formulación actual do proxecto non chegarían a 30 as casas que terían que derrubarse.

En relación tamén ao AVE, felicitouse do compromiso de Fomento de licitar ao longo de 2010 a redacción do proxecto de tres das catro estacións do tren de alta velocidade coas que contará Galicia: Santiago, Vigo e A Coruña (a outra será a de Ourense).

Autovía a Lugo e duplicación da AP-9
Outro dos cinco retos da cidade é a rede de estradas. Neste sentido, salientou o impulso de Fomento á autovía entre Santiago e Lugo e o compromiso de que todos os tramos dos preto de 95 quilómetros da vía estean en construción en 2010. Así, indicou o alcalde, unicamente quedan pendentes de adxudicar o tramo Guntín-Palas de Rei –adxudicarase en 2009- e o tramo Arzúa-Guntín, superando actualmente o trámite do impacto ambiental.

En canto á duplicación da AP-9 no seu tramo compostelán, unha vez feito público o seu estudo de impacto ambiental, Sánchez Bugallo confía que neste 2009 se concreten en paralelo dous trámites: a redacción do proxecto técnico e o acordo de Fomento coa concesionaria. Neste segundo tema, cre que non haberá problemas, por asumir Fomento o custo da obra, cunha previsión inicial de investimento duns 80 millóns de euros.

Sobre a petición de transferencia de competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma, ao alcalde "parécelle ben", pero prefire que siga sendo competencia do Estado cando menos ata que se remate a obra, que deixará catro carrís en cada sentido. Igualmente, non ten obxeccións a que a autovía Santiago-Ourense pase á competencia autonómica.

EDAR e rede de colectores
Tamén desexa Sánchez Bugallo que antes de agosto estea listo o estudo de impacto ambiental da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), co obxectivo de que se licite en breve o proxecto e a obra. Remitidos xa todos os informes ambientais, comentou que a proposta da Confederación Hidrográfica do Norte é favorable á petición do Concello dunha depuradora con tecnoloxía de membranas. Recordou que esta opción supón a metade de tamaño e un maior nivel de depuración da auga, aínda que tamén o dobre de custo tanto na obra como no mantemento.

Pola súa parte, seguen a executarse as obras da rede de colectores. Esta actuación "enormemente complexa" continuará aínda por un período de dous anos.

Cidade da Cultura
A propósito do quinto reto formulado polo alcalde, a Cidade da Cultura, reiterou a súa esperanza en que "se despexen as incógnitas". Recordou que a esixencia do Concello é que se abran os primeiros edificios en 2010 e que se rematen os edificios restantes "nun prazo razoable".

Clima de entendemento entre Administracións
Volvendo ás infraestruturas dependentes de Fomento, o alcalde dixo estar "moi satisfeito polos compromisos do Ministerio e polo clima de colaboración entre este e a Xunta". Finalmente, a propósito doutra obra galega pendente de remate, o porto exterior da Coruña, expresou a súa "solidariedade e comprensión con que se pida que se remate unha obra que finalmente custará uns 1.000 millóns de euros, o dobre do inicialmente previsto". Despois de recordar o "nivel de incerteza de infraestruturas como estas", afirmou: "Espero a mesma comprensión e solidariedade doutros".

Compartir: