MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA

Máis de 50 inscritos no I Concurso de Balcóns da Cidade Histórica

25/06/2009 Xa son máis de 50 os inscritos no I Concurso de Balcóns da Cidade Histórica de Santiago, que organizan as concellerías de Medio Ambiente e de Cidade Histórica. O Concurso quere chamar a atención sobre a importancia de recuperar os balcóns como elementos vivos da Cidade Vella. Por iso, premiará a orixinalidade, conservación, harmonía e combinación de cores destes balcóns. Ademais dos premios da organización haberá un premio da cidadanía, para o cal se habilitará un espazo na microweb do Concurso, dentro deste web, entre o 1 e o 7 de xullo.

Todas as persoas da Cidade Histórica que teñan balcón poden aínda presentarse ata o vindeiro martes 30 de xuño. As inscricións realizaranse por correo electrónico na conta da Concellaría de Medio Ambiente, medioambiente@santiagodecompostela.gal, no fax (981 542 368) ou persoalmente no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, de luns a venres en horario de 12:00 a 14:00 horas. Para facilitar a ornamentación dos balcóns, a organización distribuíu de balde diferentes tipos de plantas.

Os participantes poderán remitir as fotografías dos seus balcóns á organización, ou solicitar da mesma que se encargue da súa realización. As fotografías expoñeranse nesta páxina, nunha microweb específica do Concurso, na mesma onde se poderá votar ao balcón máis fermoso. O xurado realizará a avaliación dos balcóns do 1 ao 7 de xullo, dando a coñecer o seu fallo o 8 de xullo. Valoraranse cuestións como a o estado de conservación do balcón, a orixinalidade na ornamentación, a harmonía no crecemento das plantas, a combinación de cores, a variedade e calidade dos elementos vexetais ou a innovación de especies e elementos accesorios.

Haberá tres premios de 200, 100 e 50 euros, respectivamente, en plantas e materiais de xardinería, ademais do correspondente diploma. Ademais, o premio do público, cos votos que se poderán deixar na web municipal, será de 75 euros

Compartir: