Benestar Social e UMAD

A UMAD presenta a campaña de deshabituación tabáquica "Cortar cos malos fumes"

27/10/2005 A entrada en vigor da futura Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, o subministro, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco", máis coñecida como Lei de prevención do tabaquismo, estabelecerá, entre outras medidas, a prohibición de fumar nos centros de traballo. Esta nova situación, así como os problemas que xera o tabaquismo levou a que desde a UMAD (Unidade Municipal de Atención aos Drogodependentes) se poña en marcha unha campaña de deshabituación tabáquica.

"Cortar cos malos fumes" pretende barcar dous campos diferentes: os membros da comunidade en xeral que desexan reducir ou abandonar o seu consumo e, por outra banda, facilitar o cumprimento da futura Lei do Tabaco sen grandes atrancos aos traballadores do Concello, deixando aberta a posibilidade de que poidan contar con recursos da UMAD para poder deixar de fumar.

A concelleira de Benestar social e UMAD, Adelaida Negreira, e a directora da UMAD, Pilar Bermejo, presentaron esta campaña o xoves 27 de outubro, da que destacaron que non é unha campaña "contra os fumadores" senón que intenta formularse en positivo, de "axuda" ás persoas que poidan necesitar dun tratamento.

O tabaquismo no noso pais é na actualidade a primeira causa illada de enfermidade evitábel, invalidez ou morte prematura. Cada ano máis de 50.000 persoas morren prematuramente en España debido ao consumo de tabaco, segundo datos do Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo do Ministerio de Sanidade e Consumo.

A metade das persoas que morren debido ao tabaquismo perderon unha media de 20 anos de vida e moitas máis persoas e familiares ven seriamente diminuída a calidade dos anos vividos. De cada 1.000 mortes que se producen en España, 142 débense ao consumo de tabaco, 20 por accidente de tráfico 2 ao SIDA segundo datos deste Comité.

"Cortar cos malos fumes"
A campaña de deshabituación tabáquica "Cortar cos malos fumes" que pon en marcha a UMAD abordará o problema do tabaquismo en xeral e en particular a súa afectación ao mundo laboral pola futura entrada en vigor da Lei do Tabaco.
"Cortar cos malos fumes" orientarase en dúas vertentes, unha cara a comunidade en xeral e outra cara os traballadores do Concello.

No que respecta ao Concello, concretarase nunha campaña de sensibilización, iniciándoa con entrevistas cos distintos xefes dos departamentos co fin de expoñer os problemas do tabaquismo no lugar de traballo e as súas alternativas, e ao mesmo tempo informarlles da futura Lei do Tabaco, a súa entrada en vigor e as posibles alternativas posibles.

Ademais, distribuiranse carteis, dípticos e guías entre os
traballadores do concello, faranse test reflexivos, poranse sinalizacións de prohibición e retiraranse os cinseiros. A UMAD ofertará así mesmo os recursos médicos, terapéuticos e farmacóloxicos dos que dispón. O obxectivo é que o 1 de xaneiro de 2006 o Concello estea libre de tabaco. "O feito de saber que non se pode fumar influirá en que haxa máis nivel de control", opinou a directora da UMAD.

Fóra do concello distribuiranse tamén carteis e dípticos por centros de saúde, asociacións, entidades e institucións públicas e privadas, informando e ofertando os servizos e recursos médicos que presta a UMAD.

Compartir: