TURISMO

A nova xerente de Incolsa imponse como reto máis inmediato o mantemento económico e sostible da entidade

25/06/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Comercio, Emprego e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a nova xerente de Incolsa, Maruxa Ledo. Elixida entre 34 candidatos, fixou como o seu primeiro reto para os vindeiros meses "o mantemento económico e sostible da entidade, sempre en base á calidade".

Xosé Manuel Iglesias destacou que con este nomeamento se cumpría un dos tres obxectivos inmediatos de Incolsa, o nomeamento dunha nova xerente. Os outros dous son lograr unha "solución económica" para a empresa e a elaboración dun plan de viabilidade para a mesma. Este último punto será un dos retos de Maruxa Ledo, quen así o asumiu na rolda de prensa.

Sobre o segundo dos obxectivos, o concelleiro indicou que están abertas "distintas vías, pero eficaces", que en breve se anunciarán e que permitirán "cumprir os obxectivos a longo e medio prazo". Ao respecto dun dos dous convenios que quedaran sen subscribir, o da Deputación da Coruña, de 200.000 euros, indicou que se vai recuperar. Isto posibilitará que Incolsa peche o 2008 sen déficit, engadiu.

Iglesias apuntou que Incolsa segue co labor promocional, segundo o calendario de prioridades establecido a partir de maio. Así, agora Santiago está promocionándose en Tokio e proximamente participará na Feira de Londres. Recordou tamén que o xoves 25 comezaba o programa Santiago(é)Tapas.

Compartir: