EDUCACIÓN

A Escola de Verán ofrece aos máis pequenos un espazo lúdico e impulsor de valores

24/06/2009 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitou os colexios de Fontiñas, Pío XII, López Ferreiro e Colexiata de Sar, onde se está a desenvolver dende o martes 23 a VIII Escola Municipal de Verán. Estes espazos educativos e lúdicos permanecerán abertos ata o 30 de xuño.

A visita foi unha oportunidade para comprobar o entusiasmo dos preto de 300 nenos e nenas coas actividades previstas para eles neste tempo de vacacións. Un exemplo disto son os rapaces de 3 a 5 anos, que teñen un espazo adaptado para eles no CEIP das Fontiñas. Nesta ocasión, aos máis pequenos tocáballes diversos xogos no patio. Ao mesmo tempo, os maiores facían máscaras, bailaban ou xogaban.

No Colexiata do Sar, os rapaces traballaban en torno á enerxía solar. Mentres, no Pío XII -o centro ao que acoden máis rapaces- as actividades eran diversas: os deportes, as cancións e xogos populares para os máis pequenos ou os obradoiros de plástica, coa creación de estoxos ou broches. E no CEIP López Ferreiro, novo nesta edición da Escola, era tempo pola mañá para xogos tradicionais coma o brilé, o pano ou a corda.

Destacou Mercedes Rosón a alta participación nesta Escola de Verán e a cantidade e calidade das actividades nas que os rapaces poden participar. A concelleira resaltou que, ademais do seu aspecto lúdico, a Escola fomenta valores como o traballo en común, a cooperación ou a solidariedade, en referencia tamén ás entidades que se encargan das actividades. Igualmente, é unha alternativa para conciliar a vida laboral e familiar.

Actividades educativas e de lecer
O programa está dividido en varias áreas, entre as que destacan os obradoiros de educación ambiental, con actividades como a construción de instrumentos musicais, a olimpiada do lixo ou os roteiros por zonas de interese, entre outros. No eido das artes plásticas trabállase con diferentes técnicas (pintura, debuxo, papel maché) co fin de desenvolver a sensibilidade estética dos rapaces e rapazas.

A parte máis lúdica vén da man dos grandes xogos e das actividades deportivas, e tamén dos xogos tradicionais, entre os que non faltan a corda, a buxaina ou o diábolo. A todo isto hai que engadir sesións de contacontos e obradoiros de oralidade e escrita.

As actividades desenvólvense entre as 9:30 es 13:30 horas. Os monitores pertencen a Centro Don Bosco, Asociación Xuvenil da Cruz Vermella, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e Fundación Fesán.

Compartir: