CULTURA

Talía Teatro estrea a obra "Palabras encadeadas" no Teatro Principal

23/06/2009 Presentouse no Teatro Principal a representación de Palabras encadeadas. A nova aposta escénica de Talía Teatro, que parte dun texto de Jordi Gracelán e está dirixida por Artur Trillo, vivirá a súa estrea en Santiago de Compostela os días 25 e 26 de xuño a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal.

Palabras encadeadas ten como protagonistas a un psicópata (Toño Casais) e a súa vítima (María Ordóñez) que, secuestrados nun espazo sen posibilidade de fuxida aparente, van descubrindo a súa historia, onde o que é certo e falso prende sempre dun fío. Na busca da verdade que os levou a esta situación extrema, o papel de culpable vai de man en man e o que parecía un final previsible transfórmase en inevitable. A través do xogo das palabras encadeadas, no que a partir da última sílaba dunha palabra calquera debe empezar a seguinte, os personaxes da historia definen o thriller psicolóxico no que se pon nunha balanza a súa vida, cos seus medos, rancores...

A expresión palabras encadeadas, inicialmente inofensiva, cobra outro cariz nesta ocasión, na que se constrúe unha montaxe claustrofóbica e dun gran realismo. O manexo do suspense e os xiros dramáticos irán sorprendendo ao espectador, levándoo a un lugar onde a liña divisoria entre a verdade e a mentira se dilúen. A obra, dirixida exclusivamente a un público adulto, ten como punto forte a utilización de recursos tecnolóxicos que dan riqueza a unha posta actoral cargada de efectos emocionais.

Jordi Gracelán
O autor do texto da obra, Jordi Galceran Ferrer, é dramaturgo, guionista e tradutor, internacionalmente coñecido pola súa obra El método Grönholm (El mètode Grönholm). Actualmente vive en Nova York e escribe tanto en catalán como en castelán, sendo as súas obras máis reputadas Palabras encadeadas (Paraules encadenades), coa que gañou o XX Premio Born de Teatre e o Premio da crítica Serra d'Or á mellor obra en lingua catalá; e Dakota (1995), coa que obtivo o premio Ignasi Iglesias.

Xunto a Albert Guinovart estrea no 2002 o musical Gaudí e en 2005 Carnaval, sendo Cancún, de 2007, a súa última peza de teatro levada a escena. Talía Teatro enfronta por segunda vez un texto deste autor despois de representar Dakota no ano 2001.

Documentos relacionados



Compartir: