XUNTA DE GOBERNO

Obras de reforzo do firme en seis vías públicas por valor de máis de medio millón de euros

23/06/2009 A Xunta de Goberno aprobou na súa última sesión varias obras de reforzo do firme, por un valor total de máis de medio millón de euros. Entre outros asuntos, tamén autorizou a licenza de construción do Museo de Historia Natural Luís Iglesias na Finca Vista Alegre, e deu o visto bo aos traballos para a posta en valor da muralla medieval.

O Goberno local acordou iniciar o expediente de contratación e varias obras de reforzo do firme nas vías públicas, incluídas no Plan de Obras da Deputación Provincial da Coruña. En total, o investimento suma algo máis de 570.509 euros, cantidade á que en cada caso hai que engadir o IVE.

Polo seu importe, salienta a intervención na vía pública M-36-A-IV en Torreblanca (Aríns), cun tipo de licitación de 180.081 euros. Igualmente, acometerase o reforzo do firme entre as rotondas de Bornais (Eixo), por 112.533 euros.

Outras obras incluídas neste programa e para as que se abre o proceso de contratación afectan ás vías públicas de Formarís-Igrexa-Gunín, en Enfesta, por 95.866 euros; á estrada M-105-V, en Eixo de Abaixo, por 78.604 euros, ás pistas de Pardaces de Arriba, na parroquia da Peregrina, por 56.939 euros; e á vía pública de Trasvea, en Cesar, por 46.486 euros.

Cidade Histórica
No ámbito da Cidade Histórica, acordouse a contratación dos traballos de integración, restauración, consolidación e posta en valor da muralla medieval situada no número 18 da rúa Entremuros. O obxectivo último é a súa recuperación para reintegrala na memoria e paisaxe histórica da cidade.

Entre os traballos adxudicados figuran os de integración e posta en valor da muralla medieval, por un importe de 17.980 euros e un prazo de execución dun mes e medio. Aquí inclúese a documentación, deseño e premaquetación de sinais informativos.

Tamén se contrataron os traballos de estudo e restauración do lenzo da muralla medieval, por importe de 17.991 euros, e os de tratamento e consolidación do parámetro da muralla, por 15.706 euros. O prazo de execución é tamén dun mes e medio en ambos casos.

Ademais, acordouse e concesión provisional de 25 axudas para elementos especiais de madeira, por un importe global de 153.005 euros. Tamén se outorgou outra axuda para a rehabilitación dun edificio na rúa da Caldeirería por importe de 5.147 euros.

Finalmente, na sesión da Xunta de Goberno autorizouse a licenza para a construción do edificio que albergará o Museo de Historia Natural Luís Iglesias no Parque de Vista Alegre. A construción do inmoble, obra do arquitecto César Portela, é asumida polo Consorcio. A xestión corresponderalle á Universidade de Santiago. Está previsto que poida inaugurarse antes de que remate o ano 2010.

Benestar Social
Respecto á Concellería de Benestar Social, iniciouse a contratación do subministro de mobiliario e equipamento para a Casa das Asociacións de Servizos Sociais. Estableceuse un tipo de licitación de 109.029 euros máis IVE.

Ademais, acordouse unha prórroga do contrato de explotación do Servizo de Axuda no Fogar por un período de 3 meses a contar desde o 17 de xullo de 2009, así como a revisión do prezo segundo o IPC. Esta prórroga responde á recente aprobación da Ordenanza reguladora do Servizo de Axuda no Fogar e á necesidade de asegurar o funcionamento do servizo mentres non se produza a nova adxudicación prevista para o mesmo.

Ferradura Aberta
Na Xunta de Goberno abordouse unha das actividades tradicionais do verán en Compostela, Ferradura Aberta, organizada polas concellerías de Deportes, Participación Cidadá e Normalización Lingüística, Xuventude e Festas, Benestar Social e Educación. Así, adxudicouse a realización do programa por 43.965 euros máis IVE. O evento será presentado en breve en rolda de prensa.

Urbanismo
Finalmente, en Urbanismo, aprobouse o Plan Parcial do SUD-4 da Pulleira, segundo o proxecto presentado por EMUVISSA o 9 de xuño e incorporando as distintas modificacións resultantes do trámite de información pública. Precisamente por isto, á vista do carácter substancial destes cambios, ábrese un novo trámite de información pública polo prazo dun mes. A concelleira de Urbanismo explicará este acordo.

Medio Ambiente
En Medio Ambiente, adxudicáronse unhas obras de mellora no parque de Monte de Deus. Esta intervención pretende solucionar os problemas de arrastres da choiva detectados na zona a raíz das obras de rexeneración deste espazo recentemente inauguradas. Á espera de que se consolide a vexetación na zona e debido á pendente do lugar, son precisas estas actuacións para evitar novos problemas.

Realizaranse novas canalizacións de formigón e entubado ata a rede de pluviais, mesmo con pozos de rexistro para o decantado dos arrastres. Tamén se instalarán seis bocas de rego no perímetro da parcela e colocarase vexetación arbustiva para facilitar o filtrado de augas.

Documentos relacionados



Compartir: