SEGURIDADE CIDADÁ

Máis de 250 cacharelas arderán en Santiago na noite de San Xoán

23/06/2009 A Concellería de Seguridade Cidadá autorizou a realización de 268 cacharelas e sardiñadas, a maioría delas na propia noite de San Xoán, na noite do martes 23 de xuño. En total, trátase de 62 cacharelas públicas e doutras 206 privadas.

Como cada noite de San Xoán, será un bo momento para achegarse ata as diversas fogueiras da cidade e dos barrios do rural. Non faltarán citas tradicionais na cidade como as de San Pedro, Peixería Vella, Brañas de Andrés ou Carballeira de San Lourenzo, nin de barrios como Lavacolla, Conxo, Berdía, Roxos ou Amio. Moitas destas fogueiras estarán acompañadas de sardiñas, churrasco e mesmo actuacións musicais.

Os Bombeiros e a Policía Local encargaranse de vixiar que se cumpran as normas de seguridade e limpeza, con especial atención á zona histórica. Cómpre lembrar que o número de teléfono do Servizo de Bombeiros é o 080 (só emerxencias) ou o 981 542 444.

Normas básicas
Ao igual que en cada noite de San Xoán, os organizadores deberán ter en conta unha serie de normas básicas, como coidar os arredores da fogueira e o combustible da mesma non supere os seis metros. As cacharelas teñen que estar como mínimo a 12 metros de edificios e árbores. Tampouco se poden queimar materiais perigosos e deberanse deixar as cinzas totalmente apagadas unha vez rematada a festa.

Especial coidado haberá que ter nas cacharelas en espazos públicos, coa limitación dos seis metros de perímetro e do metro de altura. Nos casos en que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de areas de 10 cm. Non se poden colocar pancartas non autorizadas. O límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada. Ao finalizar a cacharela, os responsables da organización deberán limpar o espazo autorizado. Está expresamente prohibida a celebración de fogueiras nas seguintes prazas: Obradoiro, Quintana, Toural, San Martiño Pinario e Cervantes.

Cortes de tráfico
Por outra parte e para facilitar a celebración das cacharelas de San Xoán no barrio de San Pedro e nas Brañas de Andrés, cortarase o tráfico en dous puntos da cidade.

Para a cacharela de San Pedro pecharase á circulación a rúa Concheiros en dirección centro da cidade e a rúa de San Pedro (o tramo comprendido entre a praza de San Pedro e a praza da Cruz de San Pedro) dende as 20:00 horas do martes 23 de xuño ata as 3:30 horas da madrugada.

No caso da fogueira das Brañas de Andrés, cortarase o tráfico dende as 18:00 horas do martes 23 de xuño ata as 3:30 horas da madrugada no cruce do Burgo das Nacións con Carvalho Calero e no de Morón con Pelamios

Compartir: