INFRAESTRUTURAS

José Blanco presenta o inicio das obras da nova terminal do aeroporto de Santiago

20/06/2009 O investimento do Ministerio de Fomento neste proxecto supera os 160 millóns de euros. A nova área terminal contará cun edificio de máis de 74.000 metros cadrados e un aparcamento para 3.700 vehículos

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañou ao ministro de Fomento, José Blanco, na presentación do inicio das obras da nova terminal do aeroporto de Santiago, que supón un investimento por parte do Goberno de España de máis de 160 millóns de euros, para converter Lavacolla nun aeroporto de referencia cun alto nivel de seguridade e calidade. Ao acto tamén asistiu o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro.

As obras inclúen a construción da nova terminal de pasaxeiros, que comprende un edificio terminal para máis de catro millóns de pasaxeiros, un aparcamento para 3.700 vehículos e os correspondentes accesos.

A terminal, con dous corpos diferenciados, terá un total de 74.230 metros cadrados. Por unha banda construirase o edificio procesador de forma rectangular que albergará varias plantas diferenciadas para pasaxeiros, para compañías, operacións e servizos aeroportuarios, para tratamento de equipaxes e para instalacións, almacéns e servizos xerais. Este edificio disporá de 32 mostradores de facturación (dous deles para equipaxes especiais) e de oito hipódromos de recolleita de equipaxes.

A outra parte da terminal será o edificio dique, que se construirá como continuación ao edificio procesador, pero como corpo independente. Este edificio, en forma de E, dispoñerá dunha planta superior destinada a control de seguridade, zonas comerciais e ás 12 portas de embarque; unha planta inferior, a nivel de plataforma, para patio de carros de equipaxes e servizos handling; e unha entreplanta destinada a distribución e inspección de equipaxes.

A nova área terminal de Lavacolla inclúe tamén a construción dun edificio de aparcamento configurado en cinco plantas e cunha superficie de 140.000 metros cadrados. O aparcamento permitirá, sen necesidade de acceder ao exterior, a comunicación directa entre as distintas plantas do parking e o edificio procesador. Este edificio, no que tamén se atopa a bolsa de taxis, deseñouse de maneira que a súa cuberta (acabada cunha capa vexetal) estará no nivel da planta de chegadas, o que permitirá a visión da contorna por parte dos pasaxeiros. Tamén se construirá un aparcamento para 12 autobuses, ao nivel da zona de chegadas, para facilitar o acceso aos pasaxeiros.

Os accesos á nova área terminal, incluídos tamén dentro desta obra, realizaranse desde a rotonda de entrada ao aeroporto e o seu trazado configurouse de forma que o lazo se adapta ao terreo e permitirá o acceso aos distintos niveis do edificio e do aparcamento.

A obra executarase baixo un marco de sostibilidade e respecto ao medio ambiente, amosando un especial coidado polo desenvolvemento, a integración e a recuperación da contorna.

Compartir: