EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Verán ofrece un espazo de encontro e de lecer a máis de 300 nenas e nenos

18/06/2009 Co remate o curso escolar, chega unha nova edición, e xa van oito, da Escola Municipal de Verán, cunha primeira entrega os días 23, 24, 25, 26, 29 e 30 de xuño. Este programa, ademais dunha completa oferta lúdica e educativa, está na liña da Concellería de Educación para conciliar a vida laboral e familiar. A principal novidade deste ano é que se suma á iniciativa o CEIP López Ferreiro, substituíndo ao Qurioga Palacios, que está en obras.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou a oferta desta Escola Municipal de Verán, na que máis de 300 nenos participarán nun espazo de encontro e de lecer, cunha oferta pensada especialmente para o tempo de vacacións. Ao tempo, rendibilízanse os equipamentos escolares como espazos de aprendizaxe.

O programa configúrase en varias áreas, entre as que destacan os obradoiros de educación ambiental, con actividades como a construción de instrumentos musicais, a olimpiada do lixo ou os roteiros por zonas de interese, entre outros. No eido das artes plásticas, traballarase con diferentes técnicas (pintura, debuxo, papel maché) con fin de desenvolver a sensibilidade estética dos rapaces e rapazas.

A parte máis lúdica chegará da man dos grandes xogos e das actividades deportivas, e tamén dos xogos tradicionais, entre os que non falarán a corda, o trompo ou o diábolo. A todo isto hai que engadir sesións de contacontos e obradoiros de oralidade e escrita, entre outras actividades.

Poden participar na Escola Municipal de Verán nenos entre os 6 e os 12 anos. Os de 5 anos poderán participar sempre e cando un irmán/á estea inscrito e asista tamén. Ademais, no CEIP das Fontiñas habilitarase un espazo adaptado para os nenos e nenas de 3 a 5 anos. O impreso de inscrición deberá entregarse nas recepcións dos propios centros escolares.

As actividades desenvolveranse entre as 9:30 es 13:30 horas nos centros López Ferreiro, Fontiñas, Pío XII e Colexiata do Sar. Os monitores pertencen a Centro Don Bosco, Asociación Xuvenil da Cruz Vermella, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e Fundación Fesán.

Conciliación da vida laboral e familiar
Mercedes Rosón explicou que esta Escola Municipal de Verán é un exemplo máis dos esforzos da Concellería de Educación por buscar alternativas que faciliten a conciliación da vida laboral e familiar, especialmente nestas datas en que as vacacións dos escolares non coinciden aínda coas dos seus pais. Nesta mesma liña, a Concellería está a colaborar co programa posto en marcha polo Conservatorio Tradicional de Música.

Cómpre lembrar tamén a posta en marcha nestas datas da Escola de Verán de Inglés, e outras actividades para as vindeiras semanas, como unha nova edición de Ferradura Aberta ou o programa Vacacións en Paz. Igualmente, estanse a preparar as actividades para a entrada en funcionamento da Aula de Coñecemento do Medio Rural da Portela (Figueiras).

Documentos relacionados



Compartir: