NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O obradoiro "Falando en verde" ofrecerá aos composteláns a posibilidade de descubrir en galego o seu contorno natural

17/06/2009 Falando en Verde é o título do obradoiro ambiental e de descuberta do noso contorno que se impartirá do 22 ao 26 de xuño, de 10:00 a 13:00 horas, na Casa das Asociacións (Cornes). Organizado pola Concellería Participación Cidadá e Normalización Lingüística e impartido por Ventos, Estudos Ambientais, o taller está destinado a rapaces de 7 a 12 anos, que deben inscribirse previamente. O prazo xa está aberto.

Os interesados poden inscribirse na Casa das Asociacións (Cornes), teléfono 981 542 350 e correo electrónico mtvazquezf@santiagodecompostela.gal; ou no Departamento de Normalización Lingüística (Pazo de Raxoi), teléfono 981 542 409 e correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal.

Este obradoiro quere promover o emprego do galego á vez que se achegan coñecementos sobre o contorno natural da cidade e o medio ambiente en xeral. É tamén unha oportunidade para concienciar aos máis pequenos sobre a conservación da natureza dun éxito lúdico e didáctico.

Os contidos do obradoiro son diversos, comezando por unha breve charla informativa sobre as aves, seguida dun obradoiro de manualidades sobre as mesmas e outra actividade sobre o manexo de material de observación de aves. Os rapaces tamén aprenderán a recoñecer as pegadas e rastros dos animais e mesmo a reproducilas con arxila.

As árbores terán outro apartado específico no obradoiro, cunha breve charla introdutoria sobre as funcións das plantas e dos bosques, cun experimento sobre a circulación do zume das plantas e cunha saída para identificar as árbores presentes no contorno inmediato. E se importantes son as árbores, tamén o é a auga. Os asistentes coñecerán o ciclo da auga, a vida nos medios acuáticos ou os topónimos galegos relacionados coa auga. Nesta parte haberá actividades prácticas sobre a maqueta dunha estación de depuración de augas residuais e unha visión de alternativas ecolóxicas e sobre a vida nunha pinga de auga con microscopio. Proxectarase o vídeo Contagotas (12 min.) e impartirase un obradoiro sobre limpadores naturais.

Na sesión dedicada á enerxía, ademais doutra charla, poderá verse o vídeo Lupus o aventureiro (15 min.) e participar nunha actividade práctica sobre as enerxías renovables e nu obradoiro para fabricar un asador solar. A reciclaxe é outro dos temas a abordar, a través de breves explicacións e de obradoiros sobre xoguetes sen baterías. Finalmente, realizarase unha charla sobre o son da natureza e os rapaces elaborarán un mapa sobre ruídos do barrio, ademais de fabricar chifres de cana e reutilizar bolsas de plástico.

Compartir: