CONSORCIO

O Consorcio de Santiago adxudica a restauración global dos retábulos das Ánimas

15/06/2009 O Consorcio de Santiago, logo de valorar as diferentes propostas presentadas ao Concurso do Servizo de Restauración dos retábulos 1, 2, 4, 5, 6, 8 e 9 da Capela Xeral das Ánimas, decidiu adxudicar as obras de recuperación á empresa de restauración Alfagía, quen realizará os traballos por un importe total de 285.360 euros, comprometéndose a rematalos nun prazo de 10 meses. Ao concurso, que contaba cun orzamento de 300.000 euros, concurriron un total de 8 empresas de restauración.

Para a valoración das diferentes propostas técnicas presentadas, o Consorcio de Santiago reuniu a pasada semana un comité de expertos, formado por Konrad Laudenbacher, responsable da colección Fuerstenberg no Museo Wuerth en Alemaña e da Fundación Kasser de Viena, Carmen Verdera, restauradora do servizo de restauración da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e María García-Alén, restauradora e membro da comisión técnica de Patrimonio do Consello da Cultura Galega. O comité de expertos valorou moi positivamente a proposta de Alfagía, por ser a máis adecuada ao proxecto que se licita e por demostrar recoñecida solvencia en materia de restauración. En concreto, sinalou moi relevante a proposta de realización de estudos históricos que permitan unha aproximación á obra a través dun estudo iconográfico e de documentación histórica, para o que contará cun especialista de recoñecido prestixio, así como o estudo de iluminación dos retábulos e as medidas de protección ambiental.

Alfagía, que se compromete a rematar os traballos nun prazo de 10 meses, propón unha interesante campaña de divulgación dos traballos de restauración a través dunha páxina web, paneles informativos e unha publicación que recollerá o informe final dos traballos realizados.

Alfagía é unha empresa dedicada á conservación e restauración de bens culturais con sede en Ávila, que ten realizado traballos de restauración, entre outros, para a Junta de Castilla y León, o Gobierno de Aragón e a Junta de Castilla-La Mancha. Entre os seus traballos destacan os relacionados con retábulos (restauración do retábulo maior da igrexa de Cueva de Juarros, en Burgos, do retábulo da igrexa de Fuentes de Año, na provincia de Ávila ou o retábulo da igrexa de Torres de Mercader, en Teruel), así como outros relacionados cos pasos procesionais de localidades de recoñecida sona en Semana Santa, como Medina de Rioseco, Salamanca e Palencia.

Antecedentes O pasado mes de marzo, o Consorcio de Santiago presentaba o proxecto de conservación e restauración global dos retábulos da Capela Xeral de Ánimas, tras dous anos e medio de estudo e traballo como base de actuación para o conxunto artístico. Este estudo reflexa a técnica de execución diferenciada en dúas partes, dependendo do material constitutivo da obra. Por un lado, o arco e banco de cada altar, construídos en madeira policromada; e, por outro, as escenografías realizadas en estuco de xeso, aplicado sobre estrutura de ladrillo e posteriormente policromadas.

A raíz dun primeiro informe, o Consorcio asinou un convenio de colaboración co Opificio delle Pietre Dure (OPD) de Florencia e creou un obradoiro de formación para restauradores conservadores, o que permitíu coñecer as dificultades técnicas que encerra a elaboración do estuco de xexo. Os técnicos da OPD centraron a atención no problema de consolidación do estuco, incidindo na necesidade dun máis amplo proxecto de conservación de todo o conxunto arquitectónico.

Das conclusións obtidas en colaboración con OPD desenvolveuse un primeiro proxecto para a intervención sobre dous retábulos, de tal xeito que éstes serviran de mostra para a elaboración do proxecto definitivo dos sete restantes retábulos da Capela das Ánimas. Precisamente en abril, o Consorcio de Santiago presentaba ao público a espectacular recuperación do primeiro dos retábulos, o da Caída.

Obra mestra de Manuel de Prado Manuel de Prado realiza esta decoración escultórica da Capela entre 1804 e 1814, considerada como unha das súas obras mestras. As pezas plantéxanse como espello do mundo clásico, pois o estuco é unha técnica típicamente italiana. Una técnica decorativa moi utilizada polos romanos e ampliamente citada por Plinio e Vitrubio. Deste xeito protagoniza a recuperación estética e temática da romanidade durante o Renacemento, sendo rescatada despois durante o Neoclasicismo.

Hai que dicir que a lectura do conxunto iconográfico dos retábulos se nos presenta incompleta. Pois as nove pezas escultóricas que se conservan na actualidade na Capela das Ánimas (incluindo o retábulo maior) son parte dos trece relevos proxectados inicialmente e nunca realizados. O ciclo representado é a Paixón, Morte e Resurrección de Cristo.

Os retábulos de Manuel de Prado están ligados á fundación da Cofraría Xeral de Ánimas en 1655. Esta cofraría estaba formada por clérigos e laicos ilustrados pertencentes á nobleza e á Universidade. Un colectivo que exerceu o apostolado, impregnado dun profundo caracter franciscano e un elevado sentido da caridade cristiá. Tratábase dunha agrupación que exercía a solidariedade veciñal e que influía sobre a sociedade urbana do momento grazas a solvencia económica do grupo.

As obras da igrexa deron comenzo o 8 de abril de 1784 e a a súa consagración tivo lugar o 31 de agosto de 1788, converténdose no máximo exemplo de arte neoclásico da cidade. O propio arquitecto da igrexa, Melchor de Prado Mariño, foi o inspirador do discurso iconográfico destinado a vestir as numerosas capelas do templo, que foi executado polo seu irmán Manuel de Prado.

O programa escultórico de Manuel de Prado evoca a concepción escenográfica das capelas dos Sacromontes europeos e a especial importancia do Vía Crucis, en estreita conexión co carácter da propia Cofraría Xeral de Ánimas.

Compartir: