CIRCULACIÓN VIARIA

Dobre carril de circulación para o tramo de Montero Ríos entre Xeneral Pardiñas e a praza de Galicia por mor das obras

12/06/2009 O tramo da rúa Montero Ríos entre a praza de Galicia e Xeneral Pardiñas gañará un carril mentres duren as obras desta última rúa ata Carreira do Conde. Á vista da conxestión de tráfico rexistrada a raíz do inicio desta actuación, incluída nos Fondos de Inversión Local (FIL), decidiuse darlle dous carrís e trasladar a parada dos taxis á marxe dereita en dirección á praza de Galicia.

A concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, agradeceu a colaboración da Asociación Compostelá de Autotaxi á hora de facilitar esta medida, que levará os taxis á marxe dereita da rúa, no espazo agora ocupado por unha banda de estacionamento. O carril da dereita utilizarase para saír á rúa Doutor Teixeiro e á praza de Galicia, e o da esquerda unicamente para ir cara a praza.

O dobre carril neste tramo de Montero Ríos estará dispoñible tan pronto se remate a adaptación e pintado da rúa para a nova situación, a mediados da próxima semana. Esta medida de ordenación do tráfico permanecerá ata que rematen as obras en Xeneral Pardiñas no prazo duns catro meses.

Obra en Xeneral Pardiñas
Cómpre lembrar que as obras no tramo de Xeneral Pardiñas entre Montero Ríos e Carreira do Conde obrigaron a pechar o tráfico esta rúa o 27 de maio. Tamén está prohibido o estacionamento e unicamente se permite o acceso de particulares aos garaxes, que deben entrar por Carreira do Conde e saír cara Campo da Estrela-Senra.

Deste xeito cambiou o sentido da circulación na rúa Carreira do Conde. Éntrase dende Rapa da Folla e sáese cara a Senra.

Compartir: