CIRCULACIÓN VIARIA

Os controis constatan cada vez menos excesos de velocidade nas vías urbanas

12/06/2009 A Policía Local realizou unha campaña de controis de velocidade entre o 13 e o 27 de maio en dúas rúas da cidade: a avenida do Cruceiro da Coruña e a rúa Torreira. Controláronse 1.770 vehículos, dos que unicamente 24 (o 1,36%) foron denunciados.

Do total de vehículos controlados, 967 fórono nos dous sentidos da avenida Cruceiro da Coruña. Foron sancionados 22 vehículos en dirección ao centro da cidade e outros dous no sentido de saída. A velocidade media dos vehículos neste vieiro era de 53 Km/h cara a cidade e de 46 Km/h saíndo dela.

No caso dos 803 vehículos controlados na rúa da Torreira, ningún pasou dos límites sancionables. Aquí rexistrouse unha velocidade media de 40 Km/h. A importancia dunha velocidade axeitada neste vieiro foi resaltada polo xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, por ser unha zona con varios pasos de cebra e cunha calzada próxima ás casas.

A concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, foi a encargada de presentar os principais datos desta campaña de controis, dos que destacou o seu carácter preventivo, na liña dos controis que a Policía Local realiza ao longo do ano, a iniciativa propia ou no marco de campañas da Dirección Xeral de Tráfico. Cada ano realízanse uns 25.000 controis.

Destacou o xefe da Policía Local que estes controis veñen constatando como nos últimos anos se está producindo unha redución media da velocidade dos vehículos nas vías urbanas. Puxo como exemplo a avenida de Lugo, onde xa non se rexistran tantos excesos de velocidade como hai anos. Ademais, salientou a redución do número de accidentes graves nas últimas campañas.

Compartir: