RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

As Cidades Patrimonio medirán os seus parámetros medioambientais

10/06/2009 Alcalá de Henares acolleu a Asemblea Ordinaria do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade. Entre outros asuntos, acordouse que unha empresa medirá os principais parámetros medioambientais das cidades.

A presidenta do GCPH, xunto cos alcaldes de Alcalá de Henares, cidade anfitrioa da Asemblea, e de Salamanca, próximo presidente do Grupo, informaron dos acordos adoptados na reunión. O primeiro foi o de conceder o premio Cidades Patrimonio, creado en 2008 con motivo da celebración do XV aniversario en Ávila, ao equipo de investigadores principais da Fundación Atapuerca: Juan Luis Arsuaga, Eudald Carbonell e José María Bermúdez de Castro.

Tamén se aprobou a contratación, mediante concurso, dunha praza de técnico de Comunicación, que terá un contacto directo cos medios dunha maneira máis accesible. A proposta da Comisión de Medio Ambiente, acordouse a contratación dunha empresa que faga un diagnóstico de catro dos indicadores que máis preocupan a todas as cidades Patrimonio: mobilidade, ruídos, control de pragas e xestión de residuos.

Xunto coa creación de novas comisións, como Arqueoloxía ou Comunicación, que se unen ás xa existentes –Cultura, Turismo, Educación, Medio Ambiente, Seguridade ou Urbanismo- a presidenta do GCPH informou da futura reorganización da rede de 11 comisións a través das cales traballa o Grupo, de xeito que cada unha delas teña un alcalde que se responsabilice directamente da mesma.

O concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, participou en representación de Santiago nesta xuntanza, na que tamén estiveron o alcalde da cidade complutense, Bartolomé González; a presidenta de turno do grupo e alcaldesa de Ibiza, Lurdes Costa; o alcalde de Salamanca e próximo presidente do GCPH, Julián Lanzarote; os alcaldes de San Cristóbal de La Laguna, Fernando Clavijo; Cuenca, Francisco Javier Pulido; Mérida, José Ángel Calle Gragera; Cáceres, Mari Carmen Heras Pablo; Ávila, Miguel Ángel García Nieto; Segovia, Pedro Arahuetes; Tarragona, Josep Felix Ballesteros; e a tenente de alcalde de Córdoba, Rosa Candelario.

Compartir: