XUVENTUDE

A Concellaría de Xuventude e a Escola Don Bosco fomentarán un servizo de voluntariado no Xacobeo 2010

10/06/2009 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, e o director da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco, Francisco Rodríguez, asinaron a renovación dun convenio de colaboración para traballar conxuntamente en materia de promoción do programa europeo Xuventude en Acción.

Para potenciar este programa europeo desenvolverase o Servizo Local de Accións do Programa Europeo Xuventude en Acción durante 2009. Segundo Baqueiro, con este servizo preténdese difundir o programa europeo entre a mocidade de Compostela, asesorar a colectivos xuvenís para facer intercambios e coordinar o envío de mozos e mozas composteláns dentro do programa do Servizo de Voluntario Europeo (SVE).

Calquera mozo ou moza de entre 18 e 30 anos poderá realizar de forma gratuíta un servizo voluntario nun país distinto ao seu de 2 a 12 meses, para vivir unha experiencia intercultural e de intercambio de ideas. Ademais, os interesados coordinarán a acollida de voluntarios/as europeos na nosa cidade desenvolvendo labores de intermediación con outras entidades da cidade (centros socioculturais, departamentos administrativos ou centros de discapacitados).

Segundo Francisco Rodríguez, once mozos e mozas de diversos países da Unión Europea chegaron en 2008 a Santiago para realizar tarefas de voluntariado; e na actualidade hai unha ducia de rapaces apuntados no programa para viaxar a Compostela procedentes de Grecia, Reino Unido, Malta, Polonia ou Alemaña. En cambio, a media de composteláns apuntados a este servizo sitúase en cinco mozos por ano, "unha resposta moi importante e interesante da xuventude compostelá", destacou o director da Escola Don Bosco.

Segundo o acordo, financiado con 13.000 euros (8.000 aportados polo Concello e 5.000 pola Escola Don Bosco), tanto o Departamento de Xuventude como a Escola Don Bosco promoverán o programa Xuventude en Acción polos centros de ensino da cidade e informarán a todos os interesados. Así, o 19 de maio visitaron o IES Rosalía de Castro para invitar aos estudantes a participar nunha sesión de sensibilización. Ademais, crearase unha comisión de seguimento do programa co obxectivo de coordinar e avaliar as diferentes actividades que se programen.

CompostelaXove 2010
Tamén se traballará nun programa de voluntariado, o CompostelaXove 2010. Trátase dun traballo de sensibilización sobre o voluntariado coa perspectiva de contar no Xacobeo 2010 cun servizo de voluntariado de acollida e información para recibir aos grupos de mozos que dende calquera parte do mundo visiten a cidade.

Compartir: