DEPORTES

O deporte compostelán celebra o fin de campaña con actividades de balde para todos

10/06/2009 Varias instalacións deportivas da cidade acollerán o sábado 13 de xuño unha nova edición do Día do Deporte. Este evento pon fin aos diferentes programas e campañas que se viñeron desenvolvendo no curso 2008-2009.

A maior parte terán lugar no Multiusos Fontes do Sar, pero tamén haberá actividades na piscina ao aire libre de Sar e no pavillón do Restollal. A participación é de balde.

No recinto de Sar as actividades realizaranse de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Non faltará pola mañá a xa habitual campaña de minibasquet Memorial Lorenzo de la Torre ou o aeróbic infantil, nin pola tarde as finais da copa de fútbol Sala Concello de Santiago.

Durante todo o día, estará exposto o cocho de rally do piloto santiagués Luís Penido. Ademais, haberá unha xincana ciclista para nenos e adultos. Haberá bicicletas a disposición dos participantes e sortearase unha bicicleta.

Un simulador permitirá aos xogadores practicar o tiro con carabina, mentres que os afeccionados ás loitas olímpicas terán á súa disposición un tapiz oficial para practicar este singular deporte. E para os máis pequenos, diversas actividades lúdico-deportivas: taller creativo de pintura, Human Buzze e Hand Buzzer, lanzamento de precisión a unha portería de fútbol con barreira e obradoiro de globoflexia.

Todo isto complementado coa entrada de balde á zona dos ximnasios durante toda a xornada e coa posibilidade de visitar a exposición do XI Concurso de Fotografía Deportiva.

Piscina ao aire libre de Sar
Na piscina ao aire libre de Sar, en horario de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 horas, celebrarase unha xornada de Portas Abertas para poder gozar do primeiro baño da
temporada.

Xa no eido competitivo, realizarase un festival de waterpolo de 16:00 a 1).30 horas. Poderán participar nenos entre 8 e 12 anos, formando equipos mixtos que competiran ao ancho da piscina. Os únicos requisitos: saber nadar e presentar asinada a autorización dos pais ou titores.

Restollal
Finalmente, o pavillón do Restollal acollerá o IX Trofeo de Karate Cidade de Santiago. Entre as 17:00 e as 21:00 horas haberá competición en Kata e Kumite individual nas categorías xuvenil, cadete e júnior.

Este evento está organizado pola Agrupación Deportiva Galaika. Tamén colaboran na organización das actividades desta xornada a Federación Santiaguesa de Baloncesto, a Agrupación de Deportistas Veteranos, a Asociación Galega de Promoción e Desenvolvemento do Ciclista, a Federación Galega de Loita e o Club Waterpolo Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: