CULTURA

O pianista Eldar Nebolsin interpreta a Mozart coa Real Filharmonía

26/10/2005 O xoves 27 de outubro ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do mestre titular Antoni Ros Marbà, interpretará as obras de Mozart, "As vodas de Fígaro (Obertura)" e o Concerto para piano nº 19 en Fa maior, KV 549 e de Beethoven a Sinfonía nº 4 en Si maior, op. 60.

Eldar Nebolsin nace en Tashkent (Uzbekistán) en 1974. Comeza os estudos de piano á idade de 5 anos con Natalia Wasinkina e aos 12 gaña o concurso Novos Pianistas Rusos, que se celebra en Tiflis, e o Radio Concertino Praga aos 14 anos.

A carreira internacional de Nebolsin comeza co seu triunfo no IX Concurso Internacional de Piano de Santander en 1992, onde obtivo, á parte do Grand Prix, o premio á mellor interpretación do concerto de Mozart. En marzo de 1994, Nebolsin realiza o seu debut norteamericano cun moi aclamado recital na rúa 92 de Nova York. Os seguintes compromisos en Norte América inclúen o seu debut coa Orquestra de Minnesota, coa Filharmónica de Nova York, as Sinfónicas de Baltimore, Chicago, San Luis e Montreal baixo a batuta de directores como Yuri Temirkanov, Ricardo Chailly e Leonard Slatkin.

Da súa carreira entre 1997 e o ano 2000 podemos destacar os seus debuts coa Orquestra de Cleveland, as Sinfónicas de Detroit e Houston, e coa Orquestra Sinfónica da Radio de Colonia. Ademais dos recitais na Herkuless Saal de Munich, no conservatorio de Milán, en Tonhalle, Zürich e no Carnegy Hall de Pittsburg. Algunhas das aparicións máis importantes de Nebolsin entre os anos 2000 e 2003 foron os seus debuts en Hungría, Iugoslavia e Luxemburgo, ademais dunha xira polas máis importantes salas de España con Víctor Pablo Pérez e a Orquesta de Tenerife. Aparece ademais no Teatro Chatelet de París, no Musikhalle de Hamburgo coa Staatsoper Orchester, en Stuttgart coa Orquestra da Radio de Stuttgart baixo a batuta de Yakov Kreizberg, no Carnegie Hall de Nova York para estrear mundialmente das obras de Octavio Vázquez así como a interpretación do Concerto para piano e orquestra nº 1 de Chaikovsky en Roma coa Orchestra di Santa Cecilia convidado polo mestre Rostropovitsch.

Recentemente foi galardoado co primeiro premio e o premio á mellor interpretación con orquestra no concurso internacional de piano Sviatoslav Richter de Moscú (2005).

Compartir: