XUNTA DE GOBERNO

Iníciase a contratación das obras de reurbanización do tramo Galeras-Vista Alegre e da avenida de Castelao

09/06/2009 A Xunta de Goberno aprobou os proxectos e iniciou o proceso de contratación de dúas das obras incluídas no chamado convenio de travesías, que permitirá reurbanizar os accesos á cidade. Trátase neste caso do proxecto do tramo das ruas Galeras, Salvadas e Vista Alegre, e da avenida de Castelao.

O proxecto de reurbanización do tramo que comprende as rúas Galeras, Salvadas e Vista Alegre xa foi presentado polo alcalde e vai dende O Pombal ata o cruce coa avenida de Castelao. Abrangue uns 1.220 metros e o seu prazo de execución máximo é de 14 meses. As obras comezarán no verán. O tipo de licitación fixado é de 4.364.804 euros mais IVE.

No caso da avenida de Castelao, as obras van supor tamén unha transformación integral deste ámbito. O tipo de licitación neste caso é de 2.682.758 euros máis IVE e o prazo máximo das obras de 12 meses. Esta intervención pretende axilizar o tráfico neste vieiro, mellorar o estado do firme, potenciar os espazos peonís e renovar e ampliar as redes de servizos.

Deportes
O Goberno local aprobou tamén a realización dunha nova edición do Día do Deporte en Compostela o sábado 13 de xuño. Este evento pon fin aos diferentes programas e campañas que se viñeron desenvolvendo no curso 2008-2009.

Na sesión autorizouse igualmente o uso gratuíto do estadio de San Lázaro, do 24 de xuño ao 5 de xullo, para a competición de fútbol da Compostela Cup, organizada pola Fundación Compostela Deporte.

Medio Ambiente
A proposta da concelleira de Medio Ambiente, deuse o visto boa ao proxecto e iniciouse o expediente de contratación das obras da segunda fase dos colectores secundarios na conca do río Aríns. Estableceuse un tipo de licitación de 611.402 euros máis IVE.

Ademais, deuse conta das resolucións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) sobre subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia. No caso de Santiago, concedeu 81.032 euros para a restauración das carballeiras de Nemenzo e Lavacolla; para a restauración de fontes e lavadoiros (Os Vilares, Garabal, A Sionlla, Aríns e Vilarmaior) e para o acondicionamento dun espazo de lecer e campo da festa en Verdía.

Urbanismo
En Urbanismo, iniciouse o procedemento de expropiación de tres terreos situados na parte traseira da rúa García Prieto. O motivo é a urbanización dun espazo que garanta a conexión peonil entre a devandita rúa e o novo ámbito do polígono 2 do SUP-2 de Cornes. Facilitarase así o acceso das novas vivendas tanto ás rúas do Ensanche como á zona de Conxo e da avenida de Ferrol.

Infraestruturas
No ámbito das infraestruturas, adxudicouse provisionalmente o contrato das obras de reforzo do firme na vía pública M-28-V, en Mourentán, incluídas no Plan de Obras Adicional da Deputación Provincial da Coruña. O importe de adxudicación foi de 90.517 euros máis IVE e o prazo de realización dun mes e medio.

Consorcio
Na Xunta de Goberno tamén se deu conta da sinatura de dous convenios co Consorcio de Santiago: un para desenvolver accións en parques e zonas verdes de Santiago de Compostela e outro para a encomenda da xestión ao Concello da reurbanización da rúa Home Santo, en Bonaval, na súa primeira fase.

Ao primeiro convenio o Consorcio achega 600.000 euros. Nesta cantidade inclúese a redacción dos estudos de estratexia verde para Santiago e recuperación do espazo das brañas de Sar, do proxecto de rehabilitación do muíño no ámbito do Xardín Botánico e do proxecto de rehabilitación do secadoiro de Belvís. Tamén figura o acondicionamento dos accesos ao parque de Vista Alegre, a recuperación dos muros dos niños do parque de Bonaval, o saneamento e acondicionamento de camiños e accesos da Finda do Espiño e a reparación do estanque da Alameda. O Concello comprométese a executar os proxectos das obras.

En canto á rúa do Home Santo de Bonaval, o Consorcio achegará 1.450.000 euros para que o Concello acometa a obra de reurbanización.

Educación
No ámbito educativo, unha vez rematado o período de reclamacións, aprobáronse definitivamente as listas de admisión e de espera nas escolas infantís municipais de Conxo e de Fontiñas para o curso 2009-2010.

Promoción Económica
Finalmente, a proposta do concelleiro de Promoción Económica e Emprego, deuse conta da concesión dunha subvención de 143.000 euros pola Dirección Xeral de Formación e Colocación para a posta en marcha do proxecto experimental CREAR.

Documentos relacionados



Compartir: