ALCALDÍA

O ministro de Fomento visitará Santiago para dar inicio ás obras da nova terminal

05/06/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que o ministro de Fomento, José Blanco, estará en Santiago neste mes de xuño para dar inicio ás obras da nova terminal de Lavacolla. Os contactos co ministro non quedan aí, xa que o luns 8, Sánchez Bugallo reunirase con el no Ministerio para falar do AVE.

Unha vez formalizado o acordo entre AENA e o Aeroclub sobre o calendario para que este último desaloxe os terreos que ocupa actualmente, o inicio das obras de Lavacolla é inminente. O Ministerio de Fomento anunciará en breve a data do mes de xuño na que o seu titular estará en Santiago para dar comezo a estas obras.

O alcalde expresou a súa satisfacción por esta nova e por todas as obras que ligadas á terminal de Lavacolla se realizarán nos vindeiros meses, como o aparcadoiro ou a ampliación da pista de aterraxe. Recordou que, tal como establece o novo Plan Director do aeroporto compostelán, este disporá de tres terminais: unha para liñas de baixo custo (a actual terminal), outra para voos de compañías tradicionais e outro para mercadorías.

Entrada do AVE
Desbloqueado o tema da terminal, Sánchez Bugallo tamén tratará directamente con Blanco a entrada do AVE en Santiago. Deste e doutros temas relacionados falarán na xuntanza que manterán en Madrid o luns 8 de xuño. O rexedor municipal insistiralle ao ministro sobre a conveniencia do falso túnel.

Sobre o proceso de expropiación para efectuar esta obra, indicou que a previsión de ADIF é "pechar as negociacións no mes de xullo". En paralelo procederase á adxudicación da obra, polo que esta podería comezar a principios do mes de setembro.

Sánchez Bugallo restou importancia aos erros detectados no comezo do proceso de expropiación. "Estes erros son habituais, pois hai parcelas rústicas sobre as que non hai datos no catastro", indicou.

Sobre o futuro dos veciños que verán afectadas as súas vivendas na área do Castiñeiriño e Pontepedriña, indicou que poderían ter a súa nova vivenda na mesma zona. Recordou que alí o Concello ten unhas 13 parcelas con capacidade para 400 ou 500 vivendas, que pode sacar a concurso. Segundo o alcalde, "hai marxe para garantirlles que, se constitúen unha cooperativa para optar a algunha parcela, se lles poida dar solución".

Plan de seguridade para o Xacobeo
Finalmente, Sánchez Bugallo referiuse á visita do delegado do Goberno en Galicia, para subliñar a súa confianza en que no mes xuño estea rematada a redacción do plan de seguridade para o Xacobeo 2010, que concretará aspectos como o reforzo na Comisaría, a presenza de efectivos no 25 de xullo e noutras datas especiais ou o despregue da Garda Civil no Camiño. A Comisión de Seguridade para o Ano Santo avaliará posteriormente este documento.

Compartir: