ALCALDÍA

O Concello recoñece a contribución de José Castro Suárez ao crecemento e prosperidade da cidade

04/06/2009 O Hostal dos Reis Católicos acolleu o acto institucional de imposición da Medalla de Ouro da Cidade ao Mérito Empresarial a José Castro Suárez, presidente e fundador da empresa Castrosúa. A concesión desta distinción fora aprobada por unanimidade no Pleno municipal do 26 de marzo.

A concesión desta Medalla de Ouro da Cidade responde aos méritos que concorren en José Castro Suárez á fronte de empresas punteiras no ámbito da automoción. Nel destaca tamén a súa iniciativa en diversas actividades sociais, deportivas ou culturais, como a Coral Castrosúa.

Precisamente esta Coral, formada por traballadores da empresa, foi a encargada de abrir o acto baixo a dirección de Miguel García Santamarina. E tras a lectura do acordo plenario, interveu o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, quen fixo un prolixo laudatorio de José Castro.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, impúxolle a medalla e a insignia ao homenaxeado e entregoulle o pergamiño de honra. O mesmo recoñece a José Castro Suárez o mérito de "aglutinar a empresas punteiras no ámbito da automoción, con recoñecida traxectoria empresarial de innovación e investigación, promovendo a creación dun modelo de empresa social e familiar, que reverte en beneficio da sociedade compostelá".

Unha nova interpretación da coral deu paso ao discurso de José Castro e a varias intervencións máis que lembraron tanto o seu labor á fronte da empresa como as súas outras súas facetas deportivas, culturais ou benéficas. Encargouse de pechar o capítulo de loubanzas o alcalde compostelán, quen declarou a súa satisfacción por impoñerlle a medalla a "un veciño que, como tantos, chegou de fóra para contribuír a facer cidade creando riqueza. Con esta homenaxe a cidade trata de devolver con pouco o moito feito, o moito achegado ao crecemento, prosperidade e convivencia" da cidade.

Sánchez Bugallo apuntou que o homenaxeado "foi capaz de converter a súa iniciativa persoal nun proxecto colectivo, o que o distingue como persoa e como industrial". Ademais, destacou o ambiente de traballo creado sempre nas súas empresas. "José Castro gábase de que non importou que o cadro de persoal nas súas empresas superara os mil traballadores para permanecer aberto ás ideas e suxestións de todos cantos chamaban ás portas do seu despacho, admitindo as achegas e tratando de que dende o primeiro ao último dos empregados puidera sentirse útil e participe do proxecto industrial", dixo.

"Santiago de Compostela ten a obriga de amosar o seu recoñecemento á contribución que José Castro Suárez ten feito ó progreso da cidade, por tela elixido como sede central das súas empresas; por levar o seu nome polo mundo coa marca da calidade, da eficacia e da seriedade empresarial; por ter sido testemuña de excepción e protagonista dos cambios vividos pola sociedade compostelá, na súa dilatada vida empresarial, xerando emprego e riqueza económica; pola súa exemplaridade como industrial e empresario", engadiu o alcalde.

José Castro Suárez súmase á prestixiosa lista dos que teñen recibido a Medalla da Cidade, como Antonio Fraguas, Camilo José Cela, Isaac Díaz Pardo, Álvaro Siza Vieira, Remuñan Ferro, Julián Barrio, Rouco Varela, Felipe González, Manuel Fraga, Xerardo Estévez, Feliciano Barrera, Finsa, Televés ou a Cámara de Comercio.

Compartir: