MULLER E BENESTAR SOCIAL

Unha publicación recolle as experiencias e reclamacións das empregadas do fogar

25/10/2005 Editada pola Asociación de Empregadas de Fogar Xiara e o Concello, esta publicación pretende dar a coñecer a realidade destas traballadoras para que a sociedade asimile e difunda as súas reivindicacións sociais e laborais.

A Asociación de Empregadas de Fogar, en colaboración coa concellería da Muller do Concello de Santiago, vén de publicar , un libro que quere sacar á luz a realidade deste sector marxinado, segundo explicaron a concelleira de Benestar Social e Muller, Adelaida Negreira e as representantes de Xiara, Olga del Buey e Teresa Rodríguez.

Na publicación dáse a coñecer a realidade das empregadas do fogar, co obxectivo de achegar as súas reclamacións e reivindicacións laborais e sociais á xente. Nel recóllese unha breve historia do emprego doméstico, así como as características das ofertas que adoitan a publicarse, e que reflicten a baixa consideración social deste tipo de emprego. Por outra banda, analízase a lexislación vixente, que, en opinión das representantes de Xiara, está obsoleta e non reflicte a realidade do colectivo.

Segundo explicou Teresa Rodríguez, non é factíbel que estas mulleres se rexistren como autónomas porque se trata dun traballo "por horas", non é un emprego "normal". Para poder facelo terían que traballar "máis de 72 horas ao mes", unhas catro horas ao día, e aínda así, o soldo, baixo de por si, diminuría notabelmente. Calcúlase que máis do 75% das empregadas non teñen contrato e moitas traballan en varias casas.

Adelaida Negreira considera que é urxente que se regularice a situación deste colectivo, que por exemplo, á hora de aceder a unha vivenda social non pode solicitala porque non ten como amosar que traballa.

Ademais, preséntase un catálogo de boas prácticas dirixido ás persoas que precisen dunha empregada do fogar, experiencias e reflexións das propias traballadoras e empregadoras escritas en primeira persoa e un listado das propostas de cambio da situación das empregadas. Ao final da publicación, recóllese tamén un listado de enderezos de interese.

O mércores 26 celebrarase na Galería Sargadelos de Santiago unha mesa redonda arredor da situación laboral das empregadas do fogar, na que participarán representantes de Xiara, a concelleira de Muller do concello de Santiago e representantes da Consellería de Traballo e das centrais sindicais.

Xiara é unha asociación de empregadas de fogar de Santiago que, a pesar das dificultades á hora de reunirse polo tipo de traballo que desempeña este colectivo, levan traballando a prol dos seus dereitos desde hai tres anos. O seu obxectivo é mellorar as condicións laborais, cambiar a regulamentación e lograr equiparar os seus dereitos aos de calquera traballador que se atope no réxime xeral da Seguridade Social.

Compartir: