DEPORTES

A Cociña Económica recibe o donativo recadado na III Carreira Solidaria

04/06/2009 O concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Bernardino Rama, acudiu á Cociña Económica para entregar á súa directora, Dolores Diz, o donativo recadado na III Carreira Solidaria Polígono Industrial do Tambre, organizada o 24 de maio pola Fundación e a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre. A recadación foi de 2.387,98 euros.

Rama estivo acompañado por Pedro Nimo, o atleta compostelán do que no 2007 partiu a iniciativa de celebrar un evento que, cada ano, destina os donativos recadados a unha fin solidaria. A colaboración para a creación dunha escola en Angola e Proxecto Home foron os beneficiados nas dúas edicións anteriores da carreira.

Na edición de 2009, a III Carreira Solidaria contou co patrocinio de Divina Pastora Seguros, co ciclista Óscar Pereiro como padriño, e coa colaboración do Concello de Santiago, FINSA, Begano, Cruz Vermella e Delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo.

Compartir: