CENTROS SOCIOCULTURAIS

Presentadas as obras de ampliación, mellora e acondicionamento dos edificios da Rede de Centros Socioculturais Municipais

03/06/2009 No Centro Sociocultural de Laraño, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou as obras de ampliación, mellora e acondicionamento dos edificios da Rede de Centros Socioculturais Municipais. O programa conta cun investimento total de 700.000 euros e ten como obra máis importante a ampliación do CSC de Laraño.

Socorro García Conde explicou ante os veciños de Laraño e os medios de comunicación as características da obra de ampliación e mellora do centro sociocultural. A iniciativa aproveita os fondos FIL para crear emprego e mellorar o estado dos edificios da Rede de Centros Socioculturais co fin de habilitalos para unha programación acaída.

A obra máis importante do programa vai ser precisamente a do Centro Sociocultural de Laraño, no que se van construír dous novos espazos adxacentes ao xa existente, que permitirán diversificar as actividades do centro. A primeira das salas proxectadas está pensada para usos múltiples e pode dividirse en dúas grazas a unha porta de corredeira. O segundo espazo, máis pequeno, servirá de sala de xuntas.

O proxecto completo aumentará uns 250 metros cadrados a superficie do centro e permitirá destinar o espazo xa existente a actividades máis específicas como unha biblioteca e unha aula de informática. A obra conta cun investimento de 400.000 euros, ten un prazo estimado de construción de 6 meses e vai empregar a 16 persoas, sendo 9 destes postos de nova creación.

Mellora e acondicionamento doutros oito centros socioculturais
Mais a cobertura do programa non se cingue ao Centro Sociocultural de Laraño e acometerá a ampliación, mellora e acondicionamento doutros oito edificios da Rede de Centros Socioculturais Municipais. No caso do CSC de Vite emprenderanse melloras da climatización, mentres que as obras do LSC Lamascal centraranse na reparación do conxunto do edificio, e no CSC da Trisca na impermeabilización. Pola súas banda os LSC de Busto, Marantes, Nemenzo e Grixoa experimentarán melloras xerais do edificio grazas a esta iniciativa, e o no CSC de Conxo e o LSC de Amio a actuación destinarase á eliminación de humidades.

Esta segunda parte do programa conta cun investimento de 300.440 euros, ten unha duración de obra estimada de 189 días e vai empregar a 16 persoas, con 9 postos de nova creación.

Compartir: